A Xunta traballa nunha nova estratexia de Responsabilidade Social Empresarial

A Xunta traballa nunha nova estratexia de Responsabilidade Social Empresarial

Imprimir Email
(0 votos)

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, vén de avanzar que a Xunta traballa no deseño dunha nova Estratexia galega de responsabilidade social empresarial coa que se busca construír unha Galicia con empresas máis competitivas e integradoras “con capacidade de resposta e adaptación aos retos globais en materia social e ambiental”.

A nova planificación incluirá accións para axudar ás empresas galegas a enfrontar con éxito os retos e as oportunidades que presenta o desenvolvemento sustentable, fomentando modelos de negocio que integren as variables económicas, ambientais e sociais e de bo goberno; e para impulsar a colaboración entre empresas, cidadanía e administración para continuar construíndo “unha Galicia sostible e competitiva”, engadiu. A Estratexia, en palabras de Mancha, visibilizará a relevancia da RSE e continuará impulsando comportamentos responsables nas empresas e na propia Administración.

A directora xeral explicou que aplicar a RSE aos modelos de negocio mellora a imaxe e a reputación da empresa; xera novas oportunidades de negocio; reforza as relacións coas comunidades locais; reduce o risco empresarial; ou fortalece o tecido económico e social local. Así mesmo, apuntou que implica maior potencial de innovación e mellora da competitividade; incrementa a eficiencia dos procesos produtivos e aforro de custos; xera maior capacidade de adaptación fronte aos cambios e xestión das crises; e mellora a motivación e da produtividade no traballo.

Programa Responsabilízate

Para promover a RSE, a Xunta na actualidade ten en marcha, entre outras actuacións, o programa Responsabilízate, que promove a Consellería de Emprego e Igualdade para axudar a unhas 180 empresas galegas a ser máis sostibles e impulsar a súa competitividade.

Responsabilízate vai dirixido ao tecido empresarial galego, a través das súas pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou teñan un balance anual inferior a 43 millóns de euros. As inscricións ao programa Responsabilízate poden facerse a través da sede electrónica da Xunta, onde o prazo permanecerá aberto ata completar as 180 prazas previstas.