Tralo éxito da primeira formación sobre igualdade laboral, a plataforma formativa en liña da Xunta de Galicia lanza un curso avanzado nesta materia co obxectivo de dar ao tecido empresarial a oportunidade de afondar no coñecemento de todos os aspectos que leva consigo a elaboración dun plan de igualdade.
Esta é unha ampliación do curso básico, no que se tratarán de forma máis profunda as temáticas desenvolvidas no mesmo, como a negociación do plan de igualdade, o contido que debe incluír así como o seu seguimento e avaliación, e o rexistro e auditoría retributiva.
Aprendizaxe a un ritmo personalizado
O curso avanzado en igualdade laboral consta dunha parte teórica con 7 módulos impartidos de forma pregravada e 3 clases prácticas en liña. Combinaranse as actividades para permitir ás persoas participantes a posibilidade de aprender ao seu propio ritmo e adaptarse aos seus horarios, pero ofrecendo a posibilidade de intercambiar coñecemento e ideas co resto do alumnado.
En total, ten unha duración de 35 horas e celebrarase do 20 de decembro de 2021 ao 20 de febreiro de 2022.
Que inclúe o curso?
Dentro das temáticas a tratar, atópanse a negociación e elaboración dos plans de igualdade, a prevención de riscos laborais con enfoque de xénero ou a igualdade retributiva. Ademais, proporcionarase unha aproximación á normativa neste tema nas relacións laborais e á súa problemática actual, así como medidas para fomentar a non discriminación de xénero e protocolos para loitar contra o acoso sexual e por razón de sexo.
O programa formativo é o seguinte:
Módulo teórico:
- Módulo 1: Conceptos básicos da igualdade de oportunidades
- Módulo 2: Aproximación á normativa en materia de igualdade nas relacións laborais e problemática actual
- Módulo 3: Negociacións dos plans de igualdade. Plans de igualdade no ámbito público e privado
- Módulo 4: Contido do plan de igualdade
- Módulo 5: Igualdade retributiva
- Módulo 6: Acoso sexual, acoso psicolóxico e violencia de xénero no lugar de traballo
- Módulo 7: Medidas de igualdade. Seguimento e avaliación. A importancia do seguimento. Revisión do plan
Módulo práctico: O módulo práctico levarase a cabo a través de sesións en liña nas que se traballará cada unha das partes do plan de igualdade.
- Clase práctica sobre informes de diagnose e resumen da diagnose
- Clase práctica sobre informes de rexistro retributivo e auditoría retributiva
- Clase práctica de medidas de igualdade
Inscricións
Este curso está dirixido a todas aquelas persoas que participan en procesos de selección, contratación, negociación colectiva, avaliación da actividade preventiva, avaliación de postos de traballo e comunicación e, en xeral, procesos e proxectos que se enmarcan no ámbito das relacións laborais na aplicación do principio de igualdade.
As prazas son limitadas. Podes anotarte ata o 15 de decembro nesta ligazón.