Galicia, exemplo de igualdade: compromiso para rematar coas fendas de xénero

Galicia, exemplo de igualdade: compromiso para rematar coas fendas de xénero

Imprimir Email
(0 votos)

Galicia sitúase na vangarda da igualdade de xénero debido ao compromiso da administración para acabar cos desequilibrios. Así o expresou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración do III Congreso da Asociación de Mulleres no Sector Público, na que participou mediante videoconferencia e aproveitou para resaltar que dentro do goberno galego que o 71% do funcionariado son mulleres, así como gran parte dos altos cargos.

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu na importancia da función pública como elemento catalizador para a entrada e permanencia das mulleres no mundo laboral. Segundo indicou, “as desigualdades entre homes e mulleres son menos no mundo público que no privado”, dato que apoia a última Enquisa de Poboación Activa (EPA) que di que o 58,2% das persoas empregadas no sector público en España son mulleres, o 58,4% en Galicia, fronte ao sector privado.

O valor da igualdade

“Integramos a igualdade como valor propio”, afirmou o presidente da Xunta, que ademais recalcou que a nosa comunidade é referente na súa aposta pola eliminación de fendas de xénero, posto que neste 2021 activou o plan de igualdade do Servizo Galego de Saúde e ten avanzado un plan para toda a administración, que se espera que sirva como paraugas de todas as actuacións desenvolvidas na materia no eido público.

María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade, presente no acto, estableceu que “a igualdade é un piar imprescindible para lograr unha administración resiliente e produtiva, que sirva como modelo de gobernanza para unha sociedade inclusiva, tolerante, saudable e cun alto índice de benestar laboral”. Aínda así, Lorenzana fixo referencia á marxe de mellora que existe para que a igualdade sexa unha verdadeira realidade, amparada por cifras tanxibles: “A meta común […] é lograr a participación política e unha distribución equilibrada do poder entre homes e mulleres na toma de decisións”.

Reforma legal da lei autonómica

Na actualidade, Galicia está a levar a cabo unha reforma integral da lei de igualdade autonómica, con vistas á transformación do mercado laboral. O obxectivo é crear un novo marco legal que se caracterice por poñer en marcha iniciativas para acadar o benestar laboral da muller, visibilizar a discriminación múltiple e rematar cos teitos de cristal.

Segundo indicou a titular de Emprego e Igualdade, “será unha reforma que impulsará a independencia económica das mulleres e o seu desenvolvemento profesional, e que concienciará ao tecido empresarial e guiará as súas boas prácticas”. Por iso, na súa intervención lembrou que a Xunta reforzará o compromiso da formación en igualdade e que “somos conscientes de que a presenza das mulleres en todos os niveis derrubará barreiras, contribuirá a construír unha Galicia máis próspera e innovadora e axudará a pechar as fendas de desigualdade e discriminación por razón de xénero”.