O talento empresarial feminino, clave na recuperación económica trala crise da COVID-19

O talento empresarial feminino, clave na recuperación económica trala crise da COVID-19

Imprimir Email
(0 votos)

Co obxectivo de visibilizar a contribución das mulleres ao ecosistema laboral galego, o vindeiro mes de setembro terá lugar un congreso para promover o emprendemento feminino. Este congreso nace dun acordo de colaboración asinado recentemente entre María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade, e Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.

Baixo o título Emprendedoras: Talento empresarial feminino esta actividade defenderá a necesidade de contar co liderado feminino para facer fronte aos novos retos que nos esperan trala crise da COVID-19. En palabras de Lorenzana: “Trátase de promover o emprego e o talento en clave feminina no camiño da recuperación”.

A titular de Emprego e Igualdade sinalou ademais que para conseguir unha verdadeira igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é preciso ir da man de mulleres referentes e líderes femininos destacadas tanto na actividade pública como na privada. Por iso, o vindeiro setembro terán presencia diferentes personalidades femininas de Galicia de numerosos sectores económicos e sociais, que serán as encargadas de avaliar as propostas de futuro e os retos para rachar o teito de cristal.

Para a Xunta de Galicia é prioritario loitar pola igualdade laboral, por iso está a impulsar a primeira formación por parte dunha Administración autonómica dirixida a garantir que os axentes sociais teñan un coñecemento mínimo en materia de igualdade laboral. Este plan formativo, que conta con accións de entre 8 e 35 horas, beneficiou xa a 1.200 persoas entre febreiro e xuño deste ano. Ademais, dende o goberno galego se puxeron en marcha webinarios específicos sobre o rexistro retributivo nas empresas, o teletraballo e a conciliación ou a corresponsabilidade na realidade da empresa, entre outras materias, nos que se formaron un total de 1.333 persoas.