Aprende o 11 de maio como facer na práctica un rexistro retributivo na túa empresa

Aprende o 11 de maio como facer na práctica un rexistro retributivo na túa empresa

Imprimir Email
(0 votos)

O vindeiro 11 de maio, a Xunta de Galicia ofrece o webinar Rexistro retributivo nas empresas, una formación en liña que explicará de forma práctica ás empresas como elaborar este documento, obrigatorio dende o pasado 14 de abril para todas as empresas con persoas asalariadas.

Esta sesión proporcionará toda a información necesaria para o cumprimento do Real Decreto 902/2020, que desenvolveu o RDL 6/2019, que require ás empresas a elaboración dun rexistro retributivo con inclusión dos valores medios dos salarios, complementos salariais e percepcións extra salariais desagregados por sexos, e a obtención das medias aritméticas e as medianas, información que deberá poder ser proporcionada ás persoas traballadoras e os seus representantes legais en caso de solicitude.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, será a encargada de dar a benvida a esta sesión, que terá lugar en horario de tarde, a partir das 16:30 horas.

De seguido, Mónica González Otero, Inspectora de Traballo e Seguridade Social destinada en Vigo; e María de los Ángeles García, graduada social, avogada e auditora sociolaboral, experta en políticas de Igualdade, PRL e RSC, presidenta de APREGEN e asesora en materia de igualdade do presidente do consello xeral de graduados sociais de España; serán as encargadas de impartir a sesión.

Prazas limitadas

O webinar está dirixido a todas as persoas interesadas na nova normativa relativa ao rexistro salarial, aínda que as prazas son limitadas e serán cubertas por orde de inscrición. O prazo para apuntarse estará aberto ata o sábado 1 de maio.

Se queres participar, podes inscribirte no formulario que atoparás nesta ligazón.