"Formar parte dun grupo de mulleres que traballan pola igualdade permítenos crear sinerxias e traballar xuntas"

"Formar parte dun grupo de mulleres que traballan pola igualdade permítenos crear sinerxias e traballar xuntas"

Imprimir Email
(0 votos)

A nosa entrevistada de hoxe é Piedad Varela-Portas, responsable de responsabilidade social empresarial de Pazo de Vilane, unha das integrantes do listado de Referentes Galegas, unha iniciativa de Executivas de Galicia para dar visibilidade ás mulleres da nosa comunidade. Ademais, traballa nunha das empresas que participaron na segunda edición de Responsabilízate. Por iso, hoxe falamos con ela de emprendemento, de igualdade, da situación das mulleres do rural e da súa experiencia no programa.

Emprender desde a raíz, 1 idea 1 árbore, xornadas de portas abertas... Por que unha empresa que leva a cabo tantas iniciativas responsables decide participar na segunda edición de Responsabilízate?

Queriamos profundar máis na responsabilidade social empresarial, coñecer foros onde se fala e se debate de RSE, para darlle un enfoque máis estratéxico e transversal. Sobre todo buscabamos estruturalo, xa que temos un carácter responsable no ADN da nosa empresa.

Que aspectos queriades potenciar co programa?

Temos varios piares de responsabilidade social: sustentabilidade, medio ambiente e medio rural; dinamización cultural do medio rural, recuperación do patrimonio e emprendemento. Principalmente queriamos potenciar a sustentabilidade como unha ferramenta transversal. Desde que entramos no programa puxemos en marcha varias iniciativas internas, como xornadas de sensibilización entre o persoal ou "pegada consciente", coa que medimos a nosa pegada de carbono e, unha vez teñamos resultados, tomaremos accións para reducila. Outra das cousas que desenvolvemos a raíz da nosa participación no programa é o plan de igualdade, que xa o tiñamos implantado de forma máis intuitiva, pero agora xa o materializamos. E de forma máis xeral, tratabamos de buscar unha maior interacción cos nosos grupos de interese.

Cal é a túa visión do emprendemento? Cres que o camiño foi máis complicado polo feito de ser mulleres?

Para min o emprendemento é unha oportunidade de facer cousas distintas, máis conectadas coa persoa que emprende. Se miro ao pasado, vexo que si que había dificultades en ámbitos máis masculinizados, como se existise unha barreira de entrada. Agora que hai ámbitos que xa están máis igualados, vexo que é hai unha maior facilidade de entendemento, xa que é máis sinxelo acceder a networkings ou ao desenvolvemento de relacións.

A que se debe a vosa aposta polo talento feminino?

As mulleres do rural teñen grandes dificultades para acceder a traballos por conta allea e puxémonos como obxectivo traballar contra esta discriminación. A muller no rural sempre foi moi traballadora: na casa, no campo, coa familia... E debemos ter en conta a dureza que ten este tipo de traballo. Agora proporcionamos unha seguridade e unha estabilidade laboral, que traballando pola súa conta non teñen, de forma que poñemos en valor o que fan no seu lugar de actuación. Penso que se debe a que as emprendedoras somos mulleres, e ademais danos a oportunidade de evitar o despoboamento no rural. 

Por último, que supón para vós formar parte do listado de Referentes Galegas?

Formar parte dun grupo de mulleres que traballan pola igualdade e o impulso do talento feminino permítenos crear sinerxias entre todas e traballar xuntas. Tamén nos dá a oportunidade de potenciar accións de responsabilidade social empresarial que dean visibilidade á igualdade de oportunidades.

 

Unha empresa Responsabilízate
  • Empresa: Pazo de Vilane
  • Provincia: Lugo
  • Sector: Agricultura
  • Número de traballadores: 40
  • Obxectivo con Responsabilízate: Poñer en marcha un plan estratéxico de RSE
  • Valoración do programa: Foi unha boa experiencia cunha aprendizaxe interesante, aínda que nos gustaría que houbese unha fase de implementación do plan de acción, para profundar máis en cada un dos ámbitos.