A Xunta busca converter a Galicia nunha comunidade referente en economía circular

A Xunta busca converter a Galicia nunha comunidade referente en economía circular

Imprimir Email
(0 votos)

 

A Xunta de Galicia vén de anunciar o inicio da tramitación da Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030 para conseguir que a nosa comunidade sexa un referente neste proceso de cambio do modelo produtivo e de consumo. A través da mesma, preténdese previr o esgotamento dos recursos, pechar os ciclos da enerxía e dos materiais, así como facilitar o desenvolvemento sustentable, tal e como indicou recentemente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.

A citada estratexia contará con oito eixos de actuación, entre os que se atopan o ecodeseño ou a industria eficiente, e inclúe o desenvolvemento dun novo ecobarrio, esta vez na cidade da Coruña. En palabras do titular da Xunta: "Este segundo ecobarrio de Galicia ten tres obxectivos: afondar no compromiso de que Galicia siga á vangarda das enerxías renovables, buscar todas as oportunidades que teñamos e impulsar un proxecto que pensamos que vai ser especialmente útil para o barrio elixido".

Circularidade como elemento responsable

Desde RSE Xunta de Galicia gustaríanos destacar a importancia desta materia dentro da responsabilidade social empresarial. A diferenza doutros modelos produtivos, a economía circular pon o seu foco no medio ambiente, baixo a máxima de é posible que todos os residuos se convertan en recursos, de forma que a súa reutilización supón unha mellora tanto para empresas como para consumidores.

Segundo datos da Unión Europea, medidas como a prevención de residuos ou o deseño ecolóxico axudarían a reducir a presión sobre o medio ambiente e permitirían o avance da competitividade e a innovación dentro das empresas, así como a creación de máis de medio millón de empregos no marco da UE. Ademais, este novo modelo produtivo tamén achegaría ao tecido produtivo e á sociedade ás metas do Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable 12: produción e consumo responsables.

En Galicia, dentro da Estratexia Galega de RSE 2019-2021 está contemplado o impulso dunha actividade empresarial que permita o desenvolvemento económico ao mesmo tempo que respecta o medio ambiente. Para iso, estanse a promover boas prácticas ambientais e un uso responsable dos recursos naturais entre as organizacións galegas. 

Se es unha empresa galega e levas a cabo algunha actuación responsable relacionada coa economía circular ou o medio ambiente, non esquezas participar no noso banco de ideas.