"Con Responsabilízate queriamos dar forma e difundir as actividades de RSE que estabamos a desenvolver"

"Con Responsabilízate queriamos dar forma e difundir as actividades de RSE que estabamos a desenvolver"

Imprimir Email
(0 votos)

Jardincelas é unha empresa de xardinería especializada no deseño, mantemento e construción de xardíns e parques de particulares, empresas e organismos públicos. Con sede en Culleredo (A Coruña) é unha das participantes na segunda edición de Responsabilízate. Por iso, hoxe entrevistamos a Rebecca Barbeito Iglesias, xerente.

Contan cun gran sentido da responsabilidade social, atendendo ao coidado do medio ambiente, á calidade e á seguridade e a saúde no traballo, atendendo a normas como ISO 14001, ISO 9001 ou OHSAS 18001. De onde nace este compromiso?

No Grupo Jardincelas desde o inicio existe unha especial sensibilidade con respecto ao medio ambiente, forma parte do ADN da nosa empresa. Coidamos e creamos espazos naturais e públicos e intentamos respectar ao máximo a nosa contorna. Segundo ían pasando os anos vimos que era necesario facer algo máis: implantar e certificar a nosa empresa nas normas ISO 14001, ISO 9001 e, posteriormente, OSHAS 18001 de seguridade e saúde no traballo. Isto permitiunos crear obxectivos e marcar un camiño e unhas pautas que nos facilita saber ata onde chegamos e ata onde podemos chegar. 

Cal foi a principal razón que os animou a participar en Responsabilízate?

Queriamos asesoramento para darlle visibilidade e forma a esas pequenas microaccións que xa estabamos a realizar en materia de responsabilidade social, como integración de persoal con discapacidade, formación medioambiental en colexios, celebración do Día da Árbore, reutilización de materiais... Para ter un diagnóstico e así poder afondar nos aspectos a desenvolver.

Que actividades están levando a cabo nesta fase do programa? Que opinan das mesmas?

Debido á nosa longa traxectoria medioambiental, e co apoio da nosa titora, nesta fase estámoslle dando prioridade á parte económica e social. Implantamos un plan de igualdade e constituímos un comité de igualdade permanente. Estamos apostando por medidas de conciliación, flexibilidade horaria e igualdade de oportunidades, ademais de elaborar un protocolo de transparencia e acoso sexual así como unha guía de recrutamento e selección con perspectiva de xénero.

Que aspectos querían potenciar co seu paso por Responsabilízate? 

Como comentei antes, queriamos dar forma e difundir as actividades en materia de RSE que estabamos a desenvolver. Estamos revitalizando o noso blog e as redes sociais para contalo. Cremos que uníndonos a este proxecto e dándolle visibilidade faremos forza e animaremos a outras empresas que aínda non están totalmente concienciadas na responsabilidade social e o coidado do medio ambiente.

Por último, animarían a empresas como a súa a formar parte de vindeiras edicións do programa? Por que?

Si, sen dúbida. Participar no programa Responsabilízate parécenos moi positivo tanto a nivel empresarial como persoal. Estar en contacto coas outras empresas que tamén participan nesta edición creou unha sinerxia moi positiva, aportándonos ideas para desenvolver na nosa organización ou colaborar nun futuro.

Unha empresa Responsabilízate
  • Empresa: Jardincelas, S.L e Xalo Obras e Servicios, S.L
  • Provincia: A Coruña
  • Sector: Servizos
  • Número de traballadores: 65 (Jardincelas, S.L ) e 100 (Xalo Obras e Servicios, S.L)
  • Obxectivo con Responsabilízate: asesoramento para dar forma e visibilidade ás accións locais en materia de responsabilidade social empresarial.
  • Valoración do programa: Moi bo.