"Contar cunha estratexia de RSE márcanos un camiño que debemos seguir para cumprir os nosos obxectivos"

"Contar cunha estratexia de RSE márcanos un camiño que debemos seguir para cumprir os nosos obxectivos"

Imprimir Email
(0 votos)

Responsabilízate avanza para seguir achegando a responsabilidade social ás empresas galegas. Neste momento, as pemes da segunda edición están inmersas nas actividades do programa. Desde RSE Xunta de Galicia temos interese en coñecer as impresións dos participantes, e por iso, hoxe falamos con Sonia Couso, secretaria de Amarelante S. Coop. Galega, unha cooperativa de Manzaneda que naceu como un proxecto de recuperación de soutos en estado de abandono, co obxectivo de producir castaña de calidade, a cal se comercializa baixo o selo de Castaña de Galicia.

En primeiro lugar, por que unha empresa con vocación ambiental decide apostar por unha mellora da súa RSE?

Decidímonos porque, xa que o noso proxecto naceu con vocación de responsabilidade social, ambiental e económica, entendemos que era necesario manifestalo abertamente e seguir un proceso lóxico e racional da definición dunha estratexia empresarial que nos leve a cumprir os nosos obxectivos neste ámbito. Ter unha actitude responsable non é suficiente, senón que tamén hai que definir os obxectivos a medio e longo prazo e saber que ferramentas necesitamos para chegar a eles. Contar cunha estratexia de RSE márcanos un camiño que debemos seguir para cumprir os nosos obxectivos. Tamén nos permite analizar posibles desvíos. Pero, fundamentalmente, ofrécenos unha visión de nós mesmas moito máis real. 

Eran conscientes das súas accións responsables antes de comezar en Responsabilízate?

En certo modo si, porque como comentei antes, a nosa cooperativa nace baixos os principios da sustentabilidade e a xustiza social, e así o manifestamos nos nosos estatutos. E por suposto, desenvolvemos accións de RSE dende o comezo, pero está claro que podemos facer moito máis e mellor. 

Que pasos levan dados ata o de agora no programa?

Asistimos a dúas entrevistas, completamos a formación online e dispoñemos dunha diagnose da cooperativa do campo da RSE, que analizamos polo miúdo para detectar posibles desvíos ou accións que melloren a nosa responsabilidade social. 

Que están aprendendo?

Aprendemos que hai accións que xa estabamos desenvolvendo das que non eramos conscientes, que están contribuíndo a que a nosa empresa sexa máis responsable. Tamén nos resulta moi útil dispoñer dunha diagnose da empresa, porque descubrimos que ás veces non somos conscientes das consecuencias das nosas accións. Así que é importante detectalas para corrixilas.

Hai algún aspecto positivo que lles gustaría destacar de Responsabilízate?

Parécennos moi positivas as entrevistas persoais cos técnicos do programa.

Unha empresa Responsabilízate
  • Empresa: Amarelante Sociedade Cooperativa Galega
  • Provincia: Ourense
  • Sector: Agroalimentario
  • Número de traballadores: 1
  • Obxectivo con Responsabilízate: Definir unha estratexia empresarial responsable
  • Valoración do programa: Moi boa