A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca a terceira edición dos 'Premios RSE Galicia', que teñen o obxectivo de recoñecer o labor das empresas públicas ou privadas galegas, ou con sede ou centro de traballo en Galicia, que teñan implantados na súa xestión principios ou prácticas relacionadas coa responsabilidade social empresarial. As bases reguladoras desta terceira edición atópanse publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do martes 16 de abril de 2019.
Estes galardóns carecen de dotación económica e son de carácter honorífico. O seu obxectivo é o de difundir de forma pública o esforzo voluntario que están a facer as empresas galegas en relación á responsabilidade social empresarial para, ao mesmo tempo, sensibilizar a todo o tecido empresarial da comunidade sobre a importancia dunha xestión responsable e sustentable.
Novidades da terceira edición
Na edición deste ano, os recoñecementos serán de dous tipos:
- Premio á Responsabilidade Social Empresarial, no que haberá tres categorías: pequena (ata 49 persoas traballadoras), mediana (de 50 a 249 persoas traballadoras) e gran empresa (a partir de 250). Neste galardón, valorarase á empresa dun xeito integral nos seguintes ámbitos: laboral-económico, ambiental e de acción social.
- Mención á conciliación, a través da que se distinguirá ás iniciativas empresariais que de forma significativa propicien a conciliación laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade.
Presentación de candidaturas
O prazo de presentación de candidaturas manterase aberto desde mañá 17 de abril ata o vindeiro 17 de xuño de 2019.
Todas as empresas interesadas deberán realizar a súa solicitude de forma obrigatoria a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A documentación complementaria necesaria para completar a solicitude deberá presentarse tamén electronicamente.
Toda a información que se vaia xerando relativa a estes premios, á súa convocatoria e resolución poderás atopala en rse.xunta.gal.