Un total de 132 empresas participan na segunda edición de Responsabilízate, a iniciativa da Xunta de Galicia para achegar ás pemes a responsabilidade social empresarial. Neste momento, o programa está a desenvolver a súa primeira fase: formación, que inclúe unha xornada presencial para as empresas de cada provincia galega.
A primeira destas sesións celebrouse onte na Confederación de Empresarios da Coruña, á que acudiron 35 persoas procedentes de 27 empresas participantes no programa. A actividade da tarde tivo lugar en Lugo, na sede da Fundación CEL, que contou coa participación de 26 persoas de 18 das pemes desta provincia.
Ambas xornadas estiveron centradas en actividades prácticas que permitiron que os representantes das empresas establecesen contacto e participasen dun xeito moi activo. O primeiro dos exercicios propostos foi o speed-dating, a través do que tiveron a oportunidade de presentarse ante outras empresas. En quendas dun minuto de duración, contaron a que se dedican, cales son os seus obxectivos como empresa e, de ser o caso, que están a facer en materia de responsabilidade social empresarial. Tamén comentaron que esperan da súa participación en Responsabilízate e en que cren que poden mellorar a través do programa.
Os participantes tiveron, ademais, a oportunidade de aprender máis sobre a RSE a través da explicación da súa historia e as súas implicacións, así como a definición dos grupos de interese e a explicación da importancia das alianzas entre compañías para acadar un tecido empresarial máis sustentable. Así mesmo, expuxéronse exemplos de empresas responsables a nivel local e fíxose referencia ás iniciativas depositadas no noso banco de ideas.
A segunda das xornadas de formación presencial desta edición do programa terá lugar hoxe, xoves 29 de novembro, nas provincias de Pontevedra e Ourense.