“Forma parte da nosa responsabilidade coidar do medio ambiente e promover un turismo responsable”

“Forma parte da nosa responsabilidade coidar do medio ambiente e promover un turismo responsable”

Imprimir Email
(0 votos)

Tee Travel é unha axencia de viaxes especializada no Camiño de Santiago. Participante da primeira edición de Responsabilízate, é unha das empresas certificadas co recoñecemento Q de Calidade. Dentro das súas iniciativas de responsabilidade social empresarial atopamos Camino Clean, pensada para sensibilizar acerca da necesidade de coidar o noso patrimonio natural e cultural. Falamos con Mar Rodríguez Meseguer, directora xerente. 

Celebrouse recentemente a segunda edición de Camino Clean, unha camiñada para recoller lixo e residuos, esta vez, na Costa da Morte. Como xorde esta idea?

A costa galega constitúe un dos principais atractivos turísticos de Galicia e o seu coidado é a nosa responsabilidade, tendo en conta que Tee Travel oferta paquetes turísticos a pé e en bici na Costa da Morte. Limpar de residuos a Praia de O Rostro forma parte dunha iniciativa coa que se procura pasar á acción e materializar o noso compromiso co medio ambiente. Ademais de que é unha forma diferente de sensibilizarnos, nesta ocasión destaca a participación de nenos, as xeracións futuras. Esta viaxe supuxo unha forma totalmente diferente de coñecer unha das paraxes naturais máis espectaculares de Galicia á vez que nos concienciabamos sobre o impacto medioambiental que ten non recoller o lixo. 

Entre as dúas edicións celebradas desta iniciativa participaron preto dun centenar de persoas. Esperaban ter unha acollida tan boa?

Cada vez a sociedade é máis consciente da importancia que ten a ecoloxía e a reciclaxe, así que Tee Travel debe ofrecer un turismo alternativo que aposte e respecte o medio ambiente. É importante que todos e todas teñamos en conta que hai que empezar xa a garantir o futuro do noso planeta. Hai que pasar do concepto ás accións concretas. Se cada empresa ou cidadán empeza a implicarse e comunícao, isto vai servir de exemplo ou referencia aos demais. Porque non se trata soamente de facer, senón de difundir o que facemos en RSE para seguir aumentando as accións, creando un efecto contaxioso!

Que opinan os seus clientes de Camino Clean?

É unha iniciativa moi ben valorada polos nosos clientes e colaboradores. Amósanos como unha empresa ecoloxicamente responsable e consciente da importancia do medio ambiente. Nesta xornada participaron clientes, provedores e traballadores nun ambiente diferente ao laboral, o que permite crear un bo clima de traballo.

Pasemos agora ao seu paso pola primeira edición de Responsabilízate. Que esperaban do programa?

Incorporar medidas ambientais e sociais na empresa xerando unha conciencia empresarial ao redor da RSE.

A última fase de Responsabilízate inclúe un plan de acción de RSE. Que liñas estratéxicas se inclúen no plan de Tee Travel?

Queremos ser capaces de integrar a sensibilización medioambiental como parte da conservación do Camiño de Santiago e acadar un nivel de autodeterminación e autonomía suficientes para poder achegar valor á sociedade e xerar ao mesmo tempo rendibilidade ao negocio. Tamén asimilar integramente os criterios da RSE e trasladalos a través das nosas prácticas empresariais a todos os membros dos nosos grupos de interese e afondar no coñecemento de todas as dimensións que engloba a RSE e transmitilas a todo o equipo, así como coñecer ferramentas e guías para a elaboración de informes de comunicación e memorias de sustentabilidade. Por último, acadar unha visión integral de actuacións en materia de RSE, que impulsen a nosa traxectoria cara a correcta xestión integral de negocio.

Gustaríalles destacar algún aspecto dos servizos recibidos? 

A mellora do sentido de pertenza a unha empresa, Tee Travel, que desenvolve o seu traballo dunha maneira diferente. As persoas son os alicerces que fundamentan as nosas liñas de actuación, aspecto que consideramos clave para todo o desenvolvemento experimentado na empresa. 

Tamén queremos agradecer o traballo da nosa titora no programa Responsabilízate, a súa inestimable axuda e a implicación que tivo na implantación da RSE na axencia.

Cren que as súas accións de RSE poden servir de exemplo para outras empresas do sector de viaxes?

Galicia é un destino no que un dos seus principais atractivos reside nas paraxes naturais que se podemos atopar como, por exemplo, a costa ou os prados e bosques. Un valor natural que supón tamén un importante atractivo turístico. Como axencia de viaxes especializada no Camiño forma parte da nosa responsabilidade coidar do medio ambiente e promover, á súa vez, un turismo responsable. Ao fomentar a participación de traballadores, clientes e colaboradores, a concienciación excede as barreiras das nosas oficinas e convértenos nun referente neste aspecto.

 

Unha empresa Responsabilízate
  • Empresa: Tee Travel
  • Provincia: Pontevedra
  • Sector: Axencias de viaxes
  • Número de traballadores: 28
  • Obxectivo de Responsabilízate: Converterse nunha empresa que cause impacto pola súa influencia social, de cara a fomentar o coidado do cliente, o coidado do medio ambiente, e o coidado aos traballadores. E tamén acadar a capacidade de comunicar axeitadamente as nosas accións de RSE como mecanismo de xeración de valor.
  • Valoración do programa: O impacto das accións de RSE desenvolvidas no conxunto da empresa é dunha porcentaxe do 74%, segundo o informe de diagnóstico, o que pode ser considerado como unha avaliación positiva.