A Xunta actualiza a ferramenta dixital que permite ás pemes galegas a xestión da RSE

A Xunta actualiza a ferramenta dixital que permite ás pemes galegas a xestión da RSE

Imprimir Email
(0 votos)
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria presenta unha nova versión de Xunta PRO-RSE que facilita ás empresas a integración das variables de RSE na xestión do seu negocio dunha maneira sinxela e gráfica
  • O Goberno galego con esta iniciativa ratifica o seu compromiso coa difusión da RSE e co impulso que as empresas galegas necesitan para progresar neste campo
  • A Administración galega foi pioneira en poñer en marcha unha ferramenta de xestión da RSE de xeito gratuíto e coa nova versión mantense á vangarda das entidades que lideran a difusión da RSE en España 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de actualizar cunha nova versión do software a ferramenta dixital Xunta PRO-RSE, que permite ao tecido empresarial galego a xestión da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) de xeito gratuíto, facendo unha diagnose da situación da empresa para a posterior elaboración de memorias de responsabilidade social, xerando o informe de sustentabilidade necesario para realizar as ditas memorias. A ferramenta permite, en definitiva, ás compañías a integración das variables da responsabilidade social empresarial na xestión do seu negocio dunha maneira sinxela e gráfica. 

A terceira versión desta aplicación inclúe agora novas funcionalidades que permiten ás pemes mellorar a súa estratexia empresarial de xeito sinxelo, integrando accións de RSE e a relación das empresas cos seus grupos de interese. Entre as melloras que ofrece esta actualización figura a adaptación ao novo estándar GRI Standards, creando novos indicadores e adaptando os anteriores. 

Ao mesmo tempo, a nova versión de Xunta PRO-RSE inclúe os 17 Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da ONU (ODS). Trátase dun novo módulo da ferramenta dixital que permite facer unha análise da achega cos principios dos ODS. Deste xeito, o software Xunta PRO-RSE convértese nunha solución clave para as empresas responsables que queiran facer unha xestión áxil, eficiente e intuitiva da súa RSE co obxectivo de reportar resultados, facer controis de progreso e os indicadores determinantes da boa marcha da empresa.

Coa actualización e posta en servizo da nova versión de Xunta PRO-RSE, a Administración pública continúa comprometida coa difusión da Responsabilidade Social Empresarial e o impulso que as empresas galegas precisan para progresar neste eido. No seu día, a Xunta foi pioneira ao ser a primeira Administración Pública en facilitar unha ferramenta de xestión da RSE de xeito gratuíto. A nova versión supón manterse na vangarda das entidades que lideran a difusión da RSE en España.

A ferramenta está a disposición dos empresarios galegos aquí. Os interesados poden descargar neste enderezo o software Xunta PRO-RSE no seu ordenador e comezar a xestionar a súa información obtendo informes en varios formatos axeitados a varios estándares RSE. Con esta iniciativa, as pemes visualizan os indicadores e o estado das súas propias actuacións en materia sociolaboral, ambiental e económica e poden testar a súa evolución a través dos cambios que se vaian introducindo nos indicadores, en función das accións que desenvolvan ao longo do tempo, ao tempo que identifican as fortalezas e debilidades en materia de RSE, detectando as posibles áreas de mellora que lles axudará a definir os plans de actuación neste ámbito. 

 


Xunta de Galicia
Turismo de Galicia
agario