"Pretendemos ir estendendo o modelo de oficina ecoeficiente a todo o mapa"

"Pretendemos ir estendendo o modelo de oficina ecoeficiente a todo o mapa"

Imprimir Email
(0 votos)

Un equipo novo de RSE traballa con dedicación para facer de ABANCA unha entidade máis responsable co ambiente, eido no que recibiu o recoñecemento nos Premios RSE Galicia 2016, e coa sociedade en xeral. Nesta entrevista, Tatiana Suárez, directora de RSC, móstrase orgullosa e ilusionada coas accións responsables que levan a cabo.

Para comezar, como valora a concesión do Premio RSE Galicia 2016?

É unha noticia fantástica. A nivel humano supón para todo o equipo un estímulo para alimentar as nosas ganas e a nosa paixón polo traballo que facemos. A nivel profesional anímanos a seguir avanzando na liña de RSE de maneira transversal en toda a organización e, por suposto, cara aos nosos grupos de interese principais: os clientes, a sociedade.

Reciben o premio na modalidade ambiental. Pode resumir a folla de ruta de ABANCA neste sentido?

Temos cinco eixos fundamentais. En primeiro lugar, destaca a posta en marcha da política "cero papel", coa eliminación progresiva de libretas, priorizando a correspondencia electrónica, e a eliminación de impresoras. En segundo lugar, introducimos melloras no transporte, como o uso dunha aplicación que permite compartir vehículo e o cambio de desprazamentos por multiconferencias sempre que sexa posible. En canto á xestión de residuos, en 2016 reducíronse 14,7 toneladas de CO2 xestionando residuos electrónicos a través de Revertia. Por outra parte, sumámonos á Hora do Planeta, co apagado xeneralizado nas oficinas do banco, e conmemoramos o Día da Terra, coa reforestación de especies autóctonas. Finalmente, destaca o noso voluntariado ambiental.

Teñen retorno dos beneficios que supoñen as actividades de voluntariado ambiental nas que se implican os traballadores?

Contribuímos á reforestación con máis de 500 especies botánicas autóctonas e erradicamos máis de 2 toneladas de especies invasoras durante o ano 2016. Ademais, como nas actividades de voluntariado ambiental nos acompaña un grupo naturista, este encárgase da formación e difusión dos valores de protección da natureza. Tamén se realizan rutas interpretativas de alto valor ecolóxico. En definitiva, co voluntariado corporativo contribuímos á educación ambiental dos traballadores e das súas familias a través da concienciación.

As súas accións a favor do medio ambiente van máis aló do voluntariado, como por exemplo cos plans de ecoeficiencia. En que punto están neste eido?

Implantamos un novo modelo de oficina (NMO) con xestión remota automatizada que nos permite interactuar con distintas instalacións, como climatización, iluminación ou equipos electrónicos. Pretendemos ir estendendo o modelo de oficina ecoeficiente a todo o mapa.

E tamén apoian os "investimentos verdes". De que forma o fan?

Promovemos a responsabilidade en investimentos verdes, financiando parques eólicos, hortas solares, empresas fotovoltaicas, biocombustibles... e tamén aportando financiamento á mellora enerxética das vivendas galegas. 

Para finalizar, ABANCA coida outros ámbitos da RSE. Cales serían outras liñas estratéxicas da empresa en RSE?

Hai dúas liñas que están moi relacionadas co feito de ser unha entidade financeira. Unha é o programa de educación financeira, orientado a toda a sociedade e diferenciado por colectivos (escolares, universitarios e maiores), adaptando os contidos da CNMV Banco de España para facerllos chegar de maneira pedagóxica. Outra é a protección a debedores hipotecarios en situacións de especial vulnerabilidade. Con isto buscamos flexibilizar o fondo social de vivenda, aportando unha cantidade de vivendas e refinanciando débedas de familias. 

Ademais, temos programas para a sociedade. Por exemplo, "ABANCA Resuena" trata de compoñer orquestras con nenos entre 4 e 14 anos. Reciben educación musical cos profesores da Orquestra Sinfónica de Galicia, achegando os instrumentos que eles non poden adquirir. É unha formación de elite pero non para a elite. Son 186 nenos e nenas que xa deron os seus primeiros concertos. Tamén temos un programa de educación en valores a través do deporte, onde axudamos a equipos que fomentan o deporte base en calquera disciplina. Contamos con máis de 18.000 federados. 

Finalmente, coa creación do Foro ABANCA Responsable fomentamos os espazos de diálogo con micropemes, autónomos, terceiro sector... Trátase de poñer en valor boas prácticas que xa se levan a cabo nas empresas.