O 53% das mulleres españolas afirma que ser nai lles impediu unha maior proxección profesional e o 57% vai máis aló e confirma que tivo que renunciar ao traballo por non ser compatible coa maternidade. Son datos do estudo "Maternidade e traxectoria profesional", elaborado polo IESE Business School e Laboratorios Ordesa. Estas cifras convidan a reflexionar sobre a conciliación, un dos eidos da RSE que a Xunta de Galicia trata de promover.
Conseguir o equilibrio entre traballo e vida persoal é un dos grandes retos do país e solucionalo tamén precisa a implicación das empresas. Comenta José J. Alonso, director de Ordesa, que "as empresas temos a responsabilidade de facilitar contornos laborais que favorezan a integración da vida laboral, familiar e persoal, para atraer o talento feminino". O certo é que aínda se advirte unha falta de flexibilidade na maioría das empresas para poder conciliar, unha actitude que pode cambiar coñecendo os beneficios.
A Fundación Másfamilia presentou recentemente o seu e-book "ConciliACCIÓN. 12+1 casos de éxito efr", onde recolle as boas prácticas de 13 empresas certificadas baixo o seu modelo de xestión EFR (Empresa familiarmente responsable). O libro realiza unha análise da relación entre a conciliación e unha serie de variables coma o compromiso, a comunicación ou o voluntariado, coa finalidade de determinar a súa econometría e facilitar a posta en marcha destes procesos en máis organizacións.
O estudo da Fundación Másfamilia chega á conclusión de que a conciliación supón un aspecto clave no modelo de xestión de persoas. En canto aos beneficios, Red Eléctrica de España, asegura que no seu caso "por cada euro investido en xestión de conciliación retornan dous euros". Ademais hai outras vantaxes intanxibles, como a retención e a atracción de talento así como un persoal máis motivado. Neste sentido, Roberto Martínez, director da fundación, sostén que "as empresas efr son conscientes de que unha xestión eficiente da conciliación axuda a ter empregados máis equilibrados e felices, así como mellora os resultados da compañía".
Desigualdade no fogar
Con todo, os problemas para conciliar non só son materia da xestión empresarial, senón que parten da desigualdade entre homes e mulleres no fogar. "As mulleres consideran que, aínda que traballen a xornada completa, participan de forma máis activa no coidado dos fillos e nas tarefas domésticas", afirma Nuria Chinchilla, profesora do IESE e coautora do estudo sobre maternidade e traxectoria profesional xa citado.
Son cada vez máis as iniciativas que tratan de facer máis visible esta situación, como Malasmadres, que teñen como lema "Yo no renuncio", unha loita pola conciliación que implica non ter que renunciar nin á carreira profesional nin ao coidado dos fillos. Outro exemplo son Mamiconcilia e Papiconcilia, onde Usúe Madinaveitia recolle casos de mulleres e homes que concilian. Uns casos serven para demostrar que para as mulleres conciliar supón renunciar, outros son testemuñas "inspiradoras" de homes. Aínda así, a creadora destes proxectos conclúe que "a implicación dos pais na mesma medida cás nais é unha tendencia incipiente".
A prol da corresponsabilidade
Máis aló do termo conciliación, hai que falar de corresponsabilidade, que fai referencia á responsabilidade compartida entre dúas ou máis persoas ante unha situación. Que isto se produza na vida doméstica e familiar é algo imprescindible para a participación igualitaria de mulleres e homes no mercado laboral.
A Secretaría Xeral de Igualdade ten publicada a "Guía de boas prácticas en corresponsabilidade" (2009), onde recolle todo un conxunto de medidas que as empresas poden integrar para atender este eido da RSE. Ademais, inclúe os casos de pemes galegas como Galopín, Limpezas Limbes, Imaxin Software, Ardora Formación e Servizos, e Pescados Rubén. Estas experiencias poden servir de exemplo ao resto do tecido empresarial.
Desde RSE Xunta de Galicia poñemos ao dispor das empresas galegas o Banco de Ideas Responsables. Nel, ademais de medidas de conciliación e igualdade, pódense deixar accións RSE doutros ámbitos coma o social, ambiental e económico.
Lo último de
- Abel Castro, Maderas Hermanos Castro, “A evolución e creación de valor debe ir ligado a un impacto positivo na nosa contorna”
- Abel Castro, Maderas Hermanos Castro, “A evolución e creación de valor debe ir ligado a un impacto positivo na nosa contorna”
- Juan Meijide, director de Insertega "Con Responsabilízate, melloraremos a xestión e o servizo aos nosos clientes"
- Juan Meijide, director de Insertega "Con Responsabilízate, melloraremos a xestión e o servizo aos nosos clientes"
- Diego Carbajosa, Talento Grupo Internacional “A auditoría externa e o acompañamento son clave para fortalecer a nosa xestión responsable”