As empresas amosan o compromiso coas Letras Galegas poñendo de relevo a figura de Carlos Casares

As empresas amosan o compromiso coas Letras Galegas poñendo de relevo a figura de Carlos Casares

Imprimir Email
(0 votos)

Quen mercou xa un cartón de leite coa figura de Carlos Casares? Quen levou a súa compra nunha bolsa cun texto do autor? Son algunhas das accións de promoción da literatura galega que as empresas levan a cabo con motivo da celebración das Letras Galegas 2017 este 17 de maio.

Feiraco, Gadis e Vegalsa-Eroski, empresas pertencentes ao Grupo de Representación Empresarial Galego en materia de RSE, contan con cadansúa campaña para facer chegar aos fogares de Galicia a figura de Carlos Casares, o autor homenaxeado este ano. Estas accións enmárcanse nas súas políticas de responsabilidade social, en tanto demostran o compromiso coa lingua e cultura galegas nunha data tan sinalada no imaxinario colectivo. 

Casares na cesta da compra

A empresa de distribución alimentaria Vegalsa - Eroski e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia lanzan por sétimo ano unha campaña especial conmemorativa das Letras Galegas desde o ámbito socioeconómico. Nos seus supermercados repartiranse dous millóns e medio de bolsas de edición especial para facer visible esta data desde a cesta da compra e colocaranse 500 carteis para difundir a figura do anfitrión. 

Pola súa parte, Gadis tamén distribúe desde comezos de maio máis de dous millóns de bolsas cun fragmento de "Un país de palabras", de Carlos Casares. Ademais, a empresa aposta por poñer en valor a literatura infantil en galego nas accións culturais que desenvolve ao fío deste día. Faino co reparto dun total de 30.000 marcapáxinas cun fragmento de "A galiña azul", un dos libros máis populares de Carlos Casares, e tamén coa publicación e distribución de 30.000 exemplares de "Contos do sol e da lúa", de Helena Villar Janeiro.  

 

Feiraco, agora integrada en CLUN, reforza o seu compromiso coa lingua, coa cultura e coa tradición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa Fundación Carlos Casares. A cooperativa distribúe unha edición especial dun millón de envases de leite cunha ilustración orixinal cun retrato de Carlos Casares. Nos cartóns de leite os consumidores tamén poden atopar un código QR no que descargar unha das obras do autor. Esta acción súmase ao VI Certame de Relatos Breves de Feiraco no que se pode participar ata o 17 de maio.

Lingua e responsabilidade social empresarial

Os anteriores son exemplos de RSE, en tanto as empresas están incorporando actuacións a prol  do desenvolvemento cultural e lingüístico da nosa comunidade dirixidas a un dos seus grupos de interese máis importantes: a sociedade. Durante a presentación da campaña conxunta con Vegalsa, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, sinalou que "Carlos Casares estaría de acordo con esta proxección do galego ao ámbito empresarial e con esta colaboración público-privada, pois sempre foi partidario de estender o uso e a defensa do noso idioma fóra dos ámbitos exclusivamente intelectuais”.

A empresa e o comercio son un ámbito estratéxico para a promoción do uso da lingua galega. Neste sentido, desde o pasado 2016 a Xunta de Galicia conta cun instrumento fundamental para o desenvolvemento de accións de promoción da lingua galega no ámbito empresarial e comercial: o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020. O documento, que recolle as distintas medidas e accións para a implantación e consolidación do uso do idioma galego no sector económico, foi acordado e completado coas achegas de 314 axentes implicados no sector económico, ademais da RAG e do Consello da Cultura.