Letras Galegas 2016: empresas e administración comprometidas coa lingua

Imprimir Email
(0 votos)

Con motivo do Día das Letras Galegas queremos falar do compromiso de diversas empresas galegas cun valor intanxible como é a nosa lingua. Este 17 de maio a Real Academia Galega homenaxea a Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 - A Coruña, 2004), un escritor cunha amplitude de rexistros e temáticas, que escolleu como fío condutor do seu mundo poético a construción da patria.

Na figura do autor chairego céntranse as accións levadas a cabo polas dúas grandes empresas de distribución alimentaria de Galicia: Gadis e Vegalsa-Eroski. Precisamente con esta última colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, poñendo en marcha unha campaña para conmemorar as Letras Galegas desde o eido socioeconómico. Vegalsa difundirá a efeméride a través das 2.500.000 bolsas que se repartirán nos seus establecementos e dos 500 carteis colocados nos seus locais lembrando a vida e obra do autor homenaxeado.

[caption id="attachment_6091" align="aligncenter" width="500"]vegalsa Presentación do material divulgativo de Vegalsa-Eroski polo Día das Letras Galegas[/caption]

 

[caption id="attachment_6090" align="aligncenter" width="500"]gadis Presentación do material de Gadis con motivo das Letras Galegas 2016[/caption]

Pola súa parte, Gadis súmase un ano máis á celebración do Día das Letras Galegas con diferentes accións. A compañía tamén distribuirá bolsas coa compra. Un total de 2 millóns de bolsas contarán cunha breve explicación sobre a orixe do 17 de maio. A acción destacada de Gadis é a edición de 20.000 exemplares de "Heiche de cantar un conto", un novo recompilatorio realizado por Manuel Rico Verea do cancioneiro tradicional infantil de Galicia. O obxectivo é afondar no estudo e difusión do tesouro musical e literario de Galicia ao tempo que se posibilita que nenos e nenas, pais, nais e docentes dispoñan dunha escolma deste material de tradición oral. Con cada exemplar repartido en todos os supermercados durante o luns 16 de maio tamén se regalará un marcapáxinas co poema "A fala", de Manuel María.

feiracoOutras empresas tamén contribúen a conmemorar as Letras Galegas. É o caso da cooperativa láctea Feiraco, que puxo en marcha un certame de microrrelatos en galego cuxo requisito é comezar cun verso de Manuel María. Os gañadores ou gañadoras serán agasallados cunha Enciclopedia Galega Universal e un lote de libros de literatura galega, cedidos por Política Lingüística.

O Centro de Maiores Afundación de Santiago de Compostela organiza unha exposición dos autores homenaxeados no Día das Letras (poderá visitarse ata o 31 de maio), unha proxección sobre a historia da efeméride e un club de lectura de literatura galega. Manuel María e as nosas letras serán os protagonista do sorteo da Once do 17 de maio, pois a súa figura estará en máis de 5 millóns de cupóns.

Promover a lingua desde a RSE

Desde RSE Xunta de Galicia valoramos positivamente estas iniciativas e queremos destacar a importancia de que as empresas se comprometan coa promoción do uso do galego desde as súas accións de responsabilidade social, non só no Día das Letras Galegas senón como unha das liñas de traballo habituais coa que promover o desenvolvemento cultural e lingüístico da nosa comunidade.