12 de maio: Día Europeo das Pemes

Imprimir Email
(0 votos)

12maio-diaeuropeopemes

Cada 12 de maio celébrase o Día Europeo das Pemes. As microempresas, as pequenas e as medianas empresas son a columna vertebral da economía española e galega así como un medio de distribución da riqueza. Desde RSE Xunta de Galicia non queremos falar só da súa importancia para a creación de emprego, senón dos beneficios obtidos da aplicación da responsabilidade social, tanto para as entidades como para a sociedade en xeral.

Cómpre ter en conta que en España, cun total de 2.818.618 empresas, as pemes e autónomos representan o 99'85% do tecido empresarial mentres que as grandes empresas supoñen o 0'15% restante. Son datos proporcionados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social en marzo de 2016. Ao referirnos a Galicia, a tendencia acentúase. Deste xeito, das 247.687 empresas rexistradas en 2014, o 99,91% son pemes (case un 70% autónomos) e só un 0'09% son grandes empresas (últimos datos ofrecidos polo IGE).

Tendo en conta estas cifras, é interesante analizar o grao de aplicación da RSE nas pemes. O último informe do Observatorio da RSE de Galicia reflicte un aumento do coñecemento da RSE. Con todo, esta non se percibe vinculada aos resultados empresariais, excepto no caso das grandes empresas, que si teñen interiorizado o efecto positivo da RSE nos seus datos económicos. En canto á publicación de información das accións sociais ou ambientais, aumentou ao longo dos anos: preto do 15% de empresas galegas enquisadas comunica as súas iniciativas responsables.

As pemes parten cunha vantaxe para ser responsables: nelas as persoas contan máis ca nas grandes compañías, aínda que por suposto este non é o único aspecto a valorar á hora de facer RSE. O "Estudio sobre la percepción de la ética y la RSE en las pymes", publicado recentemente por Pacto Mundial, indica que os resultados son máis positivos no segmento de empresas máis pequenas (entre 10 e 25 empregados), o que pode ser froito da proximidade da figura do xerente ou propietario.

O mesmo estudo amosa o grao de implantación da RSE nas empresas españolas participantes. Un bo dato é que máis da metade afirman que supera o nivel de "formal", é dicir, que a RSE está formalizada, comunicada aos grupos de interese e/ou existen resultados observables desta aplicación.

Estudio-sobre-la-Percepción-de-la-Ética-y-la-RSE-en-PYMES-2016-1

O estudo aporta certas recomendacións dirixidas ás pemes:

  • Dispoñer de normas por escrito e difundilas entre o persoal.
  • Formación en materia de ética e RSE.
  • Maior comunicación, tanto externa como interna.
  • Maior participación dos empregados e empregadas.

Para facilitar a realización de memorias de sustentabilidade e, en definitiva, sumar pequenas e medianas empresas ao camiño da responsabilidade social, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon ao dispor das empresas a ferramenta gratuíta Xunta PRO RSE. Tamén creamos o Banco de ideas, onde difundimos o bo facer das empresas galegas no eido da RSE. A administración galega traballa a favor do crecemento das pemes e, nun día coma hoxe, queremos recordar a súa importancia para o desenvolvemento do conxunto de Galicia.