Case un 98% dos traballadores e traballadoras cre que a felicidade laboral inflúe no seu rendemento. Este dato (extraído da V Enquisa Adecco Felicidade no Traballo) non debe escapar ao coñecemento das empresas. Estas tamén deben ter presente que o 80% das persoas non está satisfeito coa súa rutina diaria e un 46% cre que a súa compañía non leva a cabo ningunha medida para promover o seu benestar. Aínda que a responsabilidade está nas dúas partes, pois é importante ser unha persoa positiva no traballo, sen dúbida son as empresas as que teñen que atender a vertente interna da súa RSE, formada polo grupo de interese do persoal.
Como levar a cabo a acción responsable de contribuír á felicidade laboral? O punto de partida é coñecer os intereses e preocupacións dos empregados e empregadas, establecendo un diálogo constante con estes e tendo en conta que non todas as persoas son iguais. De feito, é beneficioso fomentar a diversidade. Os xefes e as xefas non deben esquecer darlle poder ao seu persoal, deixándolle participar na toma de decisións. O recoñecemento dos altos cargos e dos compañeiros é un factor necesario para lograr o benestar laboral.
As cuestións máis importantes ás que atender son o fomento dun bo ambiente, o desenvolvemento das habilidades persoais, garantir estabilidade laboral, así como a flexibilidade. Este punto cobra especial relevancia ao saberse que un 85% das persoas considera que as faría máis felices unha maior racionalización de horarios e/ou o teletraballo, seguindo o modelo europeo. Neste sentido, cada vez máis empresas son máis flexibles, pois entenden que o obxectivo é alcanzar metas e non traballar determinadas horas.
Santiago Vázquez, director de Persoas de R Cable, conta que "é importante que algo que ocupa tanto tempo nas nosas vidas como é o traballo proporcione a oportunidade de ser felices". O experto en recursos humanos resalta que ter un persoal feliz ofrece unha vantaxe competitiva moi importante. As empresas non só deben facer enquisas de satisfacción de clientes, senón, a nivel interno, medir a satisfacción das persoas da compañía, "un indicador fundamental para establecer e orientar plans de acción", engade Vázquez. Podes escoitar a súa intervención completa sobre a felicidade no traballo neste vídeo de TEDxTalks.
Coidar o persoal repercute positivamente na empresa, pois as persoas traballadoras felices permanecen o dobre de tempo nas súas tarefas, teñen un 65% máis de enerxía e unha maior vinculación coa empresa (datos do IOpener Institute de Oxford). Polo tanto, apostar pola felicidade é un exemplo de como facer responsabilidade social empresarial. Concluímos cunha frase de Santiago Vázquez, que afirma que "as empresas que se orientan aos resultados a través das persoas obteñen sustentabilidade a través do compromiso e da felicidade".
Lo último de
- Nuria Iglesias, Mobify "Buscamos reducir a pegada de carbono dos desprazamentos en vehículos privados "
- Sofía Godoy, Aboamigalla, “As certificacións son vitais, a proba do que dicimos é certo”
- Sofía Godoy, Aboamigalla, “As certificacións son vitais, a proba do que dicimos é certo”
- Paula Patiño, Acastrexa “Lograr a certificación en Galicia outórganos recoñecemento a nivel autonómico e fortalécenos para mellorar”
- Paula Patiño, Acastrexa “Lograr a certificación en Galicia outórganos recoñecemento a nivel autonómico e fortalécenos para mellorar”