O Centro de Transfusión de Galicia (CTG), dependente da Consellería de Sanidade, leva a cabo campañas durante todo o ano para concienciar a sociedade da importancia de doar sangue. Este precísase todos os días, pois sempre hai persoas nos hospitais galegos que se someten a operacións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, teñen enfermidades crónicas ou son transplantadas. Xa vos falamos das doazóns en empresas, o que supón para elas unha acción de responsabilidade social empresarial. Agora, que en verán desde RSE da Xunta de Galicia apostamos polo lema #comparteRSE, queremos centrarnos na cidadanía e na responsabilidade individual de cada un de nós á hora de doar.
Por lei, a doazón é un acto voluntario, altruísta, anónimo, universal e gratuíto. Para que poidas realizalo, o CTG conta con 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos cada día. Tamén te podes achegar aos locais de doazón das sete grandes cidades da comunidade. Na páxina de Facebook do Centro de Transfusión informan das datas e lugares onde se van atopar as súas unidades móbiles. Así, podes consultar cando terás unha preto.
O número de doazóns en Galicia parece estancarse e mesmo sufrir un leve descenso. Cada día os hospitais galegos atenden unha media de 3.000 urxencias, realizan máis de 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos. Ante estas cifras, precísanse 500 doazóns ao día para cubrir esta actividade. O verán é unha das épocas do ano de máis dificultade para manter a participación, en parte porque moitas persoas van de vacacións ou cambian o seu domicilio habitual. En cambio, os doentes nos hospitais seguen a precisar esta colaboración. En concreto, de xuño a setembro a previsión das necesidades dos centros hospitalarios atópase nas 40.000 doazóns para atender a actividade ordinaria, á que se lle adoita engadir lamentablemente o incremento de accidentes de tráfico.
Todos os tipos de sangue son necesarios, pero o certo é que o cero negativo, moi utilizado nas urxencias, é o que máis falta fai en xeral. Só 7 de cada 100 doadores posúen este grupo sanguíneo. Recorda que o cero negativo é o coñecido como doador universal, pois é compatible para os demais.
Poden doar as persoas maiores de 18 anos, de saúde normal e máis de 50 quilos de peso, que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatite B, hepatite C, sífilis, SIDA...). Os homes poden doar ata 4 veces ao ano e as mulleres 3, deixando nos dous casos un período de 2 meses entre doazóns.
Para máis información podes chamar ao teléfono 881 546 900 ou enviar un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.@sergas.es" target="_blank">Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Non dubides en achegarte este verán á unidade móbil que estea no teu concello. "O teu sangue é vida, compártea", é o lema do Centro de Transfusión de Galicia. Nós engadimos #comparteRSE.
Lo último de
- Abel Castro, Maderas Hermanos Castro, “A evolución e creación de valor debe ir ligado a un impacto positivo na nosa contorna”
- Abel Castro, Maderas Hermanos Castro, “A evolución e creación de valor debe ir ligado a un impacto positivo na nosa contorna”
- Juan Meijide, director de Insertega "Con Responsabilízate, melloraremos a xestión e o servizo aos nosos clientes"
- Juan Meijide, director de Insertega "Con Responsabilízate, melloraremos a xestión e o servizo aos nosos clientes"
- Diego Carbajosa, Talento Grupo Internacional “A auditoría externa e o acompañamento son clave para fortalecer a nosa xestión responsable”