A responsabilidade de contribuír á eficiencia enerxética

Imprimir Email
(0 votos)

Uso de enerxías renovables, implantación de máquinas baixas en emisións ou melloras no sistema de iluminación (por exemplo, sistema de sensores de movemento e bombillas de baixo consumo) son algunhas das medidas que toman as empresas para ser máis eficientes enerxeticamente. Unha filosofía que, ademais de contribuír ao medio, tamén supón un incremento da competitividade.

A eficiencia enerxética é a sétima enerxía. "Podemos falar dela como unha enerxía renovable máis debido ás importantes posibilidades de aforro enerxético, económico e ambiental", comenta Manuel Díaz Fernández, director de Comunicación e Formación de Sotavento Galicia S.A., o Parque Eólico Experimental promovido pola Xunta de Galicia, participado nun 51% por dúas entidades públicas: o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Manuel Díaz engade que "é a enerxía máis limpa e a máis sensata, pois en moitos casos a eficiencia enerxética só require de sentido común".

Cada vez máis empresas empregan enerxías renovables na súa actividade pois "adoitan reportar beneficios a longo prazo, tanto a nivel económico, ambiental e mesmo de imaxe. Chegará o momento no que os consumidores valoren, ademais do produto, a forma de elaboralo e o respecto da empresa polo medio como ocorre noutros países", afirma o director de comunicación de Sotavento.

sotavento-vivenda

Exemplo de sensibilización enerxética

A Fundación Sotavento recibiu o pasado mes de xuño o premio Think Blue de Volkswagen. Este supuxo un novo recoñecemento do labor que durante máis de 14 anos leva desempeñando, coa colaboración do Inega e da Consellería de Economía e Industria, no campo das enerxías renovables, da eficiencia enerxética e da mobilidade sostible. "Traballamos en base a un plan deseñado en 2002 que pretende achegar o eido enerxético á poboación", comenta Manuel Díaz, quen engade que "os criterios empregados son a obxectividade, a innovación, a adecuación aos intereses do público e a coherencia".

Na actualidade, en Sotavento céntranse na mobilidade eficiente a través dun proxecto sobre vehículo eléctrico, dunha vivenda bioclimática e dun centro de transformación enerxética renovable no eido industrial. En canto á vertente didáctica e divulgativa do parque, este abre as portas á cidadanía para que coñezan as posibilidades das enerxías renovables, do aforro e da eficiencia enerxética. "Un equipo de educadores traballa para que as persoas que se achegan tomen conciencia da repercusión das actividades humanas no medio, fomentando a reflexión dun uso responsable e eficiente dos recursos", comenta o director de formación da entidade.

Os obxectivos actuais da Unión Europea en materia de enerxía e cambio climático resúmense coa ecuación 20-20-20. Isto significa unha redución do 20% dos gases efecto invernadoiro, un aumento da cota de renovables ata o 20% e unha mellora da eficiencia enerxética do 20% no horizonte do 2020.

Finalmente, a norma ISO 50001 establece os requisitos para a implantación dun Sistema de Xestión da Enerxía, permitíndolles ás organizacións adoptar un enfoque sistemático para mellorar continuamente a súa eficiencia enerxética e establecer unha certificación crible.