O domingo día 14 de xuño celébrase o Día Mundial do Doante de Sangue. Cómpre recordar esta efeméride para animar á cidadanía a facerse doador, unha actitude solidaria que axuda a salvar vidas.
O Centro de Transfusión de Galicia leva a cabo durante todo o ano campañas por todo o noso territorio. Achéganse á sociedade e fana partícipe desta causa altruísta. O obxectivo: conseguir as 500 doazóns diarias que se precisan para cubrir as necesidades da nosa comunidade. Ademais de percorrer concellos ou universidades, as unidades móbiles do Centro de Transfusión tamén chegan ata os diversos organismos públicos e as empresas galegas colaboradoras. Esta colaboración supón unha acción de responsabilidade social empresarial, pois dá conta do compromiso e solidariedade de ditas empresas, que promoven entre os empregados e empregadas a doazón de sangue, facilitándolles facelo no seu lugar de traballo e en horario laboral.
Para toda organización, empresa ou institución a doazón de sangue supón unha colaboración desinteresada coa comunidade, constituíndo así unha vertente da súa RSE. "Para as empresas, colaborar cunha actividade solidaria coma esta, é un activo engadido", coméntanos Ángeles Pazos, responsable de comunicación no Centro de Transfusión. "Desde hai anos facemos campañas en empresas. O máis habitual é que nós contactemos con elas pero tamén hai casos nos que é o empresariado quen nos pide información", engade. Despois deste contacto, acórdase o día no que a unidade móbil se desprazará á empresa, cun rexistro previo das persoas dispoñibles para estimar os recursos necesarios. Cada campaña complétase cunha charla informativa e a distribución de material que serven para a sensibilización dos traballadores neste eido.
Doazóns nas empresas galegas
En 2014, o Centro de Transfusión de Galicia contabilizou máis de 111.000 doazóns, das que case un 8% se corresponden ás feitas en empresas. Ángeles Pazos dinos que, aínda que poida parecer unha porcentaxe baixa non o é. "Hai que ter en conta que no tecido empresarial galego temos moitas pemes e, por loxística e para conseguir as doazóns diarias, non podemos desprazarnos a unha pequena empresa toda unha mañá", afirma Ángeles, quen engade a solución a este inconveniente: "o que facemos é desprazarnos aos polígonos industriais e informarlles a todas as empresas onde nos situamos".
Nas grandes empresas, como PSA Peugeot - Citröen, levan a cabo o que chaman o "desembarco". Así, en lugar de desprazar a unidade móbil, habilitan diversas salas no recinto para acudir a doar. A responsable de comunicación do Centro de Transfusión comenta que, precisamente, a empresa asentada en Vigo é unha das que maior cifra de doadores rexistra en Galicia e tamén en España. "É normal que isto se produza, pois tamén conta cun volume moi importante de traballadores", conclúe. Séguenlle en número de doazóns na Comunidade o centro comercial, empresarial e de negocios Área Central, en Santiago de Compostela, Inditex S.A. na Coruña e Jealsa Rianxeira en Boiro.
A forma de colaborar cos organismos públicos no ámbito da doazón de sangue é similar á das empresas, co valor engadido da coordinación constante entre o Centro de Transfusión e a Consellería de Sanidade. Desde 2008, a cifra en institucións e administracións mantense estable e incluso se produciu un aumento, acadando unhas 1.200 doazóns en 2014. Coincidindo co Día Mundial do Doante deste domingo, desde o próximo luns 15 e ata o xoves 18 de xuño, unha unidade móbil estará situada diante das instalacións da Xunta de Galicia en San Caetano (Santiago de Compostela).
"É de agradecer a vontade colaboradora das institucións e empresas, que saben que todas as achegas son moi ben recibidas", resalta Ángeles Pazos. O Centro de Transfusión de Galicia xa comezou coa súa campaña de verán, que se estende ata setembro. Nestes meses a atención céntrase nos concellos, sobre todo naqueles que aumentan a súa poboación en época estival.
As empresas que queiran incorporar na súa RSE as campañas de doazón poden poñerse en contacto coa Unidade de Promoción do Centro de Transfusión de Galicia, no teléfono gratuíto 900 100 828, en Facebook ou no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.@sergas.es" target="_blank">Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
Recorda que se tes unha empresa e unha idea socialmente responsable, podes facérnola chegar ao noso banco de ideas a través do seguinte formulario. Na páxina www.rse.xunta.es habilitarase en breve un buscador que fará accesible a túa idea para o público en xeral, divulgando así as accións que levades a cabo, o que dará visibilidade á túa empresa e servirá de exemplo de boas prácticas para outras.
Lo último de
- Nuria Iglesias, Mobify "Buscamos reducir a pegada de carbono dos desprazamentos en vehículos privados "
- Sofía Godoy, Aboamigalla, “As certificacións son vitais, a proba do que dicimos é certo”
- Sofía Godoy, Aboamigalla, “As certificacións son vitais, a proba do que dicimos é certo”
- Paula Patiño, Acastrexa “Lograr a certificación en Galicia outórganos recoñecemento a nivel autonómico e fortalécenos para mellorar”
- Paula Patiño, Acastrexa “Lograr a certificación en Galicia outórganos recoñecemento a nivel autonómico e fortalécenos para mellorar”