A tecnoloxía: indispensable para a accesibilidade dos servizos á cidadanía

Imprimir Email
(0 votos)

mobil

Actualmente, un dos motores e dinamizadores dunha empresa é a tecnoloxía. O investimento en I+D+i é indispensable para todos os departamentos, incluído o de responsabilidade social empresarial, que ve nos avances tecnolóxicos un potente aliado. Mellora a relación cos clientes, para os que o progreso tecnolóxico case sempre supón un valor engadido aos servizos ou produtos que consume. Algo que se fai extensible á cidadanía cando falamos de administración pública.

Con todo, moitas veces tamén se presenta o reto de que as TIC non xeren ningún tipo de barreiras senón que, independentemente das súas capacidades, os usuarios teñan as mesmas oportunidades. Por iso, neste caso a tecnoloxía vai vinculada ao concepto de accesibilidade.

Con ese obxectivo, así como o de modernización, innovación e sustentabilidade, a Xunta de Galicia impulsa o desenvolvemento tecnolóxico da comunidade. A Axenda Dixital de Galicia, primeira estratexia TIC da Xunta levada a cabo pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) nos últimos seis anos a través de 2014.gal, permitiu avanzar cara a unha administración máis próxima á cidadanía, facilitándolle ferramentas aos cidadáns para adaptarse aos cambios sociais derivados das TIC. Neste sentido, preto do 50% dos trámites coa Xunta xa se poden facer en liña, con respecto ao 4% de partida.

Outros dos obxectivos cumpridos foron o reforzo dos recursos territoriais con proxectos tecnolóxicos de calado en sectores estratéxicos para Galicia; a universalización da banda longa, e o impulso da dixitalización empresarial, cun importante investimento en formación. A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) impartiu 147.700 horas de formación TIC gratuíta; e o Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX) estendeu a oferta pública de alfabetización dixital a colectivos en risco de exclusión grazas á achega de 103 entidades colaboradoras e máis de 400 voluntarios.

Como sector estratéxico no noso territorio, a Consellería de Traballo e Benestar, puxo ademais a disposición das pemes galegas unha guía práctica de RSE para o sector TIC, elaborada tamén en colaboración con AMTEGA, orientada a destacar os aspectos de responsabilidade social chave para o sector, segundo as súas características e especificidades propias. Unha guía que podes descargar na páxina web rse.xunta.es.

Servizos globaisfoto aplicación mobil

Dentro dos principios da RSE definidos pola Xunta de Galicia atópase o de transversalidade e integración. Precisamente, un dos obxectivos da responsabilidade social empresarial é a integración dos colectivos en risco de exclusión, entre os que están as persoas con algún tipo de discapacidade. E esta integración vese facilitada polas TIC. Tecnoloxía e RSE converxen na aposta polos servizos accesibles, que supón pensar en toda a sociedade.

Moitas son as empresas que están achegando á cidadanía os seus servizos grazas a un uso socialmente responsable das tecnoloxías da información. Coñecemos recentemente o caso da entidade ABANCA, que lanzou unha aplicación de banca móbil accesible para persoas con discapacidade e que foi avalada polo selo de accesibilidade universal da empresa especializada ILUNION, pertencente ao grupo ONCE e á súa fundación. A empresa galega convértese así na primeira entidade financeira de España en conseguir o selo. Este garante que a aplicación pode ser usada por persoas con calquera tipo de discapacidade, incluíndo a visual parcial e cegueira.

"Co fin de cumprir os nosos compromisos, desde os departamentos de TI e Sistemas utilizamos a tecnoloxía dispoñible máis adecuada coa finalidade de que sexa unha aliada estratéxica para a RSE", comenta Quintela. O compromiso neste caso era conseguir a igualdade da súa banca a distancia, cun uso cada vez maior.

A tecnoloxía VoiceOver na que se basea a aplicación facilítalle ao usuario a lectura e a navegación, permitindo que as persoas con discapacidade visual escoiten unha completa descrición do que hai na pantalla. "Esperamos que sirva como dinamizadora para que outras entidades ou empresas ofrezan servizos en mobilidade e entre todos logremos un mundo accesible", conclúe Quintela.