Varias son as empresas que, con motivo do Día das Letras Galegas 2015, se sumaron á ampla programación da Xunta de Galicia para conmemorar a efeméride con iniciativas especiais no marco das súas accións de responsabilidade social. Iniciativas que recordan tanto o valor da lingua e a literatura galega como o autor homenaxeado neste 2015, Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) e o compromiso do tecido económico galego cun valor intanxible e estratéxico como é a lingua.
É o caso da cooperativa agrogandeira Feiraco ou da compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski que neste mes de maio presentaron iniciativas especiais que, dunha forma cercana e amable, levan o idioma aos fogares de todos os galegos. En ambas colabora a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da man da Fundación Filgueira Valverde.
Feiraco puxo no mercado un lote especial dun millón de envases de leite baixo o lema “Sempre coas Letras Galegas” e, a través da rede social Facebook, lanzou un certame de microrrelatos. Pola súa banda, Vegalsa-Eroski está a realizar unha campaña de difusión da figura do polígrafo pontevedrés en todos os establecementos que integran a súa rede comercial. Textos dos famosos “Adrais” e un retrato de Filgueira Valverde foron impresos en máis de un millón de bolsas da compra.
Moitos outros son os exemplos de RSE en empresas galegas que, co gallo do 17 de maio, lanzan accións especiais que constitúen todo un exemplo a favor do desenvolvemento cultural e lingüístico da nosa comunidade; revelando ao mesmo tempo una aposta estratéxica para implementar e executar actuacións que consideran o galego un valor para conectar cos consumidores e co público en xeral.
Outras accións que se puideron ver neste Mes das Letras 2015 son a edición, por parte de Supermercados Gadis, de 20.000 exemplares do recompilatorio inédito “Cantos de berce”; ou a intensa campaña de actividades de Afundación. E o mesmo domingo, a gran maioría dos xornais da comunidade adoitan publicar as súas portadas en galego.
Plan de dinamización da lingua no tecido económico
A finais do pasado mes de abril, a Consellería de Cultura e Educación entregou no Parlamento a proposta inicial do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020 para que todos os grupos parlamentarios participen activamente na súa elaboración e lograr así un documento consensuado.
Este é un plan da Xunta de Galicia no seu conxunto que implica a participación de todas as consellerías e entidades públicas con competencia en materia económica, así como a participación activa de todas as empresas galegas unha vez estea aprobado o documento.
O Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020 é un dos eixos fundamentais da política lingüística do Goberno galego, para ampliación dos usos do galego na sociedade e, especialmente, no sector económico.
O obxectivo é que as empresas recoñezan que o galego como lingua vehicular corporativa representa un valor engadido nas relacións empresariais e comerciais que pode abrir novos mercados, aparte de ser un exemplo para o resto da sociedade.
Lo último de
- Abel Castro, Maderas Hermanos Castro, “A evolución e creación de valor debe ir ligado a un impacto positivo na nosa contorna”
- Abel Castro, Maderas Hermanos Castro, “A evolución e creación de valor debe ir ligado a un impacto positivo na nosa contorna”
- Juan Meijide, director de Insertega "Con Responsabilízate, melloraremos a xestión e o servizo aos nosos clientes"
- Juan Meijide, director de Insertega "Con Responsabilízate, melloraremos a xestión e o servizo aos nosos clientes"
- Diego Carbajosa, Talento Grupo Internacional “A auditoría externa e o acompañamento son clave para fortalecer a nosa xestión responsable”