Día Europeo pola Igualdade Salarial entre Homes e Mulleres

Imprimir Email
(0 votos)

O vindeiro venres 22 de febreiro celébrase o Día Europeo pola Igualdade Salarial entre Homes e Mulleres. Unha iniciativa do Parlamento Europeo para paliar o feito de que as mulleres ganan moito menos ca os homes no mesmo posto de traballo e coas mesmas responsabilidades, aínda que as porcentaxes varían segundo os países europeos.

A data elixírona por un motivo concreto, ten que ver có número de días de máis que as mulleres teñen que traballar nun ano para estar ao mesmo nivel salarial ca os homes. Despois de doce meses traballados, para recibir a mesma cantidade na nómina, un home cobraría a 31 de decembro; en cambio, unha muller o faría o 22 de febreiro, o que suporía traballar 53 días máis de media na Unión Europea. Polo tanto, unha muller podería cobrar entre un 15% e un 22,5% menos de salario ca un home por un mesmo traballo, segundo os datos extraídos do INE de 2010.

Esta situación é máis habitual no sector privado. A creba salarial aumenta a medida que as mulleres son máis maiores, teñen maiores responsabilidades e maior formación académica. Con respecto a outros países, en España a brecha é dun 16,2%, por debaixo de República Checa (25,5%) ou Alemaña (22,3%).

Mulleres traballadoras, RSE Xunta de Galicia, igualdade

En relación a isto, esta semana, a Xunta de Galicia presentou o VI Plan galego para a Igualdade, que fora aprobado o derradeiro xoves polo Consello da Xunta, e programou desde este ano ata 2015, un total de 320 actuacións. Entre ditas iniciativas recóllese o aproveitamento do talento feminino para concienciar á sociedade da importancia dunha plena participación das mulleres no eido laboral e profesional. Por iso, a Xunta de Galicia outorgará axudas económicas que sirvan de estímulo para que as empresas as incorporen. Desde a Secretaría Xeral de Igualdade, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, darán subvencións a aquelas empresas que poñan en marcha iniciativas empresariais de mulleres e que xeren emprego feminino en novos proxectos empresariais. Así mesmo, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, da Consellería de Traballo e Benestar, ofrecerá axudas para implantar plans de igualdade e levar a cabo investimentos en empresas con infrarrepresentación feminina.

A Xunta de Galicia amosa así a súa implicación coa consecución dunha igualdade real de oportunidades para homes e mulleres, que se ten que reflectir nas empresas galegas. Os obxectivos destas, no marco da responsabilidade social empresarial (RSE), teñen que pasar por eliminar a discriminación directa e o teito de cristal. É preciso que se valore mellor a cualificación e a experiencia das mulleres, ademais de que se supriman os clixés de xénero.