A racionalización dos horarios como obxectivo da RSE

Imprimir Email
(0 votos)

Unha parte fundamental dentro da responsabilidade social empresarial (RSE) é a procura da conciliación familiar. Neste ámbito, un dos pasos máis importantesdeuno a administración coa creación por parte do Goberno do Estado da Subcomisión de Racionalización de Horarios, Conciliación e Corresponsabilidade, conformada no mes de setembro e integrada por varios representantes dos grupos parlamentarios.

As conclusións da subcomisión darán os seus froitos ao longo do primeiro semestre de 2013. Os obxectivos fundamentais perseguen acadar a implantación do dereito á conciliación familiar das persoas traballadoras, procurar horarios máis racionais para converxer con Europa e mellorar a produtividade laboral. Estas medidas van encamiñadas a facer da administración un ente máis moderno é eficaz.

Pendente destes resultados está o Plan integral de apoio á conciliación da vida laboral, persoal e familiar de mulleres e homes, que anunciou o pasado mes de febreiro a ministra de Sanidade, Ana Mato.

Máis aló vai a Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois, unha entidade sen ánimo de lucro que, dende o ano 2003, pretende concienciar a poboación do valor do tempo. Está conformada por multitude de persoas do ámbito empresarial e institucional, entre os que destacan Eloy Ybáyez, embaixador de España; Enrique de Ybarra, presidente da Fundación Vocento; Juan Manuel Suárez, presidente de Cruz Roja Española; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; Elsa González, presidenta da FAPE; ou María Coutinho Villanueva, subdirectora xeral de Traballo da Xunta de Galicia.

No último Congreso Nacional para Racionalizar Horarios Españois, promovido pola Comisión Nacional, Juan Antonio Sagardoy, catedrático de Dereito do Traballo, destacaba a importancia de establecer “horarios racionais rendibles porque melloran a produtividade e reducen os gastos”. A comisión ten como obxectivo expor ao Goberno do Estado, entre outras cousas:

  • A creación dun grupo de traballo con representantes de todos os ministerios.

  • O cumprimento do Plan Concilia, que se aprobou no ano 2005, e sinala que os organismos públicos deben rematar a súa actividade ás 18:00 horas.

  • Os actos e espectáculos públicos deben comezar como máximo ás 20:00 horas.

  • As cadeas de televisión, especialmente os entes públicos, deberían rematar os programas de máxima audiencia ás 23:00 horas.

Dende o punto de vista da RSE estas propostas repercutirían non só socialmente na vida persoal e familiar das persoas traballadoras, senón tamén economicamente no aforro enerxético das empresas ou no aumento da produtividade.