O voluntariado corporativo é unha tendencia aínda non demasiado estendida no noso país, pero que noutros como Estados Unidos comeza a desenvolverse con grande éxito. O obxectivo desta modalidade que se enmarca dentro da responsabilidade social empresarial (RSE) é aproveitar, incentivar e canalizar o potencial do persoal dunha empresa en beneficio das necesidades sociais e das asociacións de voluntariado da comunidade na que traballan.
Existen moitos tipos de voluntariado corporativo, dous dos máis estendidos son o voluntariado profesional e as experiencias puntuais ou 'días do voluntariado'.
En que consisten estas dúas modalidades?
- No voluntariado profesional os empregados levan a cabo o mesmo traballo que poñen en práctica no seu posto habitual pero en beneficio dunha ONG ou asociación. Deste xeito, a empresa pon a disposición do empregado horas dentro da xornada laboral para que este poida coñecer e participar no traballo dunha entidade benéfica.
- Pola súa banda, nas experiencias puntuais fíxanse varios 'días do voluntariado' ao ano e nestas xornadas póñense en marcha actividades de participación en beneficio da comunidade. Plantar árbores nas ribeiras dun río, organizar partidos de fútbol con asociacións de persoas con minusvalidez psíquica ou recuperar monumentos en pequenos pobos son algunhas das iniciativas máis comúns.
Que tipo de vantaxes ten o voluntariado corporativo?
É necesario recalcar que se trata dunha práctica non obrigatoria que o traballador leva a cabo por vontade propia. Pero é verdade que a súa realización ten repercusións moi positivas entre as que se encontra a axuda a mellorar a imaxe da empresa, estreitando os vínculos coa sociedade e as súas organizacións; axuda a mellorar o clima laboral e favorece o traballo en equipo, posto que implica a todos os departamentos e empregados.
Ademais, o voluntariado corporativo tamén pode contribuír a mellorar as habilidades e competencias das persoas e, segundo os especialistas en RSE, promove a lealdade, a motivación, o sentimento de orgullo e o grao de satisfacción no traballo.
Pouco a pouco empresas e fundacións comezan a realizar accións pioneiras en España que facilitan a difusión desta práctica. É o caso da Fundación Chandra cuxo proxecto de voluntariado corporativo facilita ás empresas a xestión de programas de acción social que involucren o seu equipo humano e que dá resposta ás principais interrogantes ou barreiras que atopan as compañías á hora de realizar un programa de voluntariado corporativo.
A través desta iniciativa, oito compañías (Vips, DKV, ONO, Bbk, Accenture, BBVA, Mapfre e Cajamar) xa se introduciron no mundo do voluntariado corporativo e convertéronse nunhas das entidades máis activas nesta modalidade.
Valoramos dende RSE Xunta Galicia a dimensión e beneficios que este tipo de accións pode xerar, tanto aos sectores menos favorecidos coma á reputación e cohesión empresarial.
E a vós, que opinión vos merece o voluntariado corporativo?
Lo último de
- Nuria Iglesias, Mobify "Buscamos reducir a pegada de carbono dos desprazamentos en vehículos privados "
- Sofía Godoy, Aboamigalla, “As certificacións son vitais, a proba do que dicimos é certo”
- Sofía Godoy, Aboamigalla, “As certificacións son vitais, a proba do que dicimos é certo”
- Paula Patiño, Acastrexa “Lograr a certificación en Galicia outórganos recoñecemento a nivel autonómico e fortalécenos para mellorar”
- Paula Patiño, Acastrexa “Lograr a certificación en Galicia outórganos recoñecemento a nivel autonómico e fortalécenos para mellorar”