A Cámara Oficial Mineira de Galicia e Pedra Ingeniería SL chegaron a un acordo para implantar nunha empresa do sector mineiro as Normas UNE de Xestión Mineira Sustentable nunha experiencia piloto que serviría para extrapolar no futuro ao resto de empresas asociadas.
Caolines de Vimianzo SA (CAVISA) foi a compañía que amosou un maior interese en implantar ditas normas, así que foi a seleccionada. Esta empresa leva décadas extraendo minerais industriais de diferentes xacementos situados na Costa da Morte e xa tiña implantada dende o ano 2000 a Norma ISO 9001. Ademais, neste proceso decidiron implantar a Norma ISO 14001, polo as tres normas quedaron integradas.
O que perseguían coa participación nesta experiencia era poñer en valor todo o esforzo que realizan en beneficio da contorna na que se atopan e establecer un marco de traballo para poder seguir desenvolvendo a súa actividade sendo cada vez máis sustentables.
Desenvolvemento da idea
O proceso de implantación comezou coa formación en sistemas de xestión mineira sustentable das persoas que ocupan os postos de dirección e mandos intermedios. A partir de entón, realizouse unha primeira visita para o recoñecemento das instalacións para identificar os procesos que se levan a cabo nesta explotación mineira. Posteriormente, estableceuse unha política específica de compromiso coa sociedade, que inclúe o fomento do sentido da RSE en todo o persoal de CAVISA. A implicación do equipo humano foi fundamental, xa que traballaron con entusiasmo de cara ao logro das súas metas e obxectivos.
Trala pertinente análise dos requisitos legais e os indicadores prioritarios, estipuláronse os obxectivos de cara o vindeiro ano: minimizar os residuos mineiros inertes que se verten á entulleira, meta que xa se atopa parcialmente cumprida, xa que CAVISA leva anos apostando por unha minería de aproveitamento no seu compromiso coa súa contorna, tanto desde o punto de vista social como ambiental.
Finalmente, nun prazo de oito meses, CAVISA obtivo o certificado AENOR de Sistemas de Xestión Mineira Sustentable.
De cara a seguir traballando pola sustentabilidade, os seus plans de futuro están centrados na eficiencia enerxética e a economía circular.