A Xunta presenta a Guía de Capacitación como unha nova ferramenta para reforzar a cualificación dos traballadores

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta vén de presentar a Guía de Habilidades que afonda na capacitación en aptitudes sociais de traballadoras e traballadores, unha cualificación cada vez máis demandada no ámbito laboral.

O manual, editado pola Consellería de Emprego e Igualdade, aborda a importancia da formación nas denominadas soft skills ou habilidades brandas, en auxe no mercado laboral galego como elemento que mellora a empregabilidade das persoas.

O documento está dirixido, tal e como recalcou Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Colocación, a orientadores laborais, técnicos locais de emprego, parados de longa duración e traballadores en activo. En xeral “a todas as persoas que aspiren a progresar na súa contorna laboral e persoal, e que teñan interese na formación en habilidades transversais”, indicou.

“Estas competencias ou habilidades brandas son o presente e o futuro, pois nelas reside a clave da diferenciación que nos posiciona, que nos distingue e que multiplica as nosas oportunidades”, incidiu Lado.

As habilidades brandas están relacionadas coa actitude e a relación cos compañeiros de traballo e cos clientes e achegan valor engadido aos proxectos. En palabras da directora xeral: “Son o complemento perfecto que nos axuda a desenvolver os coñecementos técnicos e a aplicalos con eficacia e eficiencia”. No mesmo sentido, contribúen a consolidar contornas profesionais nas que os coñecementos técnicos se fluidifican.

Cinco habilidades básicas

A Guía da Xunta presta atención a cinco habilidades básicas, que emanan dunha metodoloxía aplicada pola Administración autonómica para a detección temperá de necesidades formativas do mercado laboral galego; en concreto das 25 ocupacións máis demandadas en 2020, antes da covid-19. Trátase da motivación, a creatividade, a negociación, a persuasión e a comunicación. O documento introduce tips sobre cada unha delas para axudar a poñelas en valor e desenvolvelas.

Tal e como constatou Lado “unha gran porcentaxe de empresas seleccionan xa máis tratando de detectar habilidades que coñecementos” e “as habilidades brandas, son claves á hora de marcar as diferenzas nos procesos de selección”. Con esforzo e constancia e práctica diaria, indicou a directora xeral, “todas as persoas traballadoras poden crecer grazas a elas”.

As soft skills son habilidades non técnicas que se relacionan coa forma de traballar e teñen que ver coa actitude, a intuición e o xeito de interactuar cos compañeiros, de resolver problemas e de administrar as tarefas. Resultan moi útiles nos traballos que se basean no trato ao cliente.

A pesares de que moitas dependen da propia persoa ou se poden adquirir mediante o desempeño reiterado dunha determinada tarefa, pódense traballar mediante cursos, talleres ou másteres específicos en ámbitos como a oratoria ou a intelixencia emocional, que a Xunta está a por en valor na súa oferta formativa.

A Guía está a dispor das persoas interesadas na páxina web da Fundación Pública Galega de Formación para o Traballo.