A conselleria de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na presentación do informe sobre a economía social en Galicia elaborado pola USC en colaboración co Goberno galego e o propio sector. Neste acto a titular da Consellería destacou que ue a economía social conforma un modelo de crecemento máis sostible, máis inclusivo e máis igualitario ao priorizar as persoas sobre o capital, crear empregos de calidade, integrar aos colectivos de difícil empregabilidade, aplicar fórmulas de goberno democráticas, e contribuír á cohesión social e territorial, entre outros.
O informe recolle a situación das empresas que conforman a economía social: cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral, centros especiais de emprego, sociedades agrarias de transformación, confrarías de pescadores, comunidades e mancomunidades de montes veciñais e mutuas, entre outros. En xeral, destaca que tanto as cooperativas, sociedades laborais e empresas de inserción laboral atópanse nunha fase expansiva sendo, por exemplo, Galicia e Madrid as dúas comunidades con máis sociedades laborais rexistradas. Sobre as cooperativas, o informe incide en que a actividade se centra principalmente na construción, profesións científicas e técnicas e de comercio e que as vencelladas ao sector servizos representan un notable incremento desde 2016.
Aposta por un modelo de futuro
Lorenzana apuntou que a economía social é un modelo de futuro que ten que seguir combinando crecemento e sustentabilidade. Indicou que a Xunta aposta pola economía social e, por iso, incrementou este ano o orzamento neste eido nun 22%, ata alcanzar os 33 millóns. O investimento divídese en tres áreas: para a creación e consolidación de empresas e emprego, a conselleira explicou que o programa Aprol-Economía Social está dirixido a apoiar a xeración de emprego en cooperativas e sociedades laborais; Es-Transforma está destinado á recuperación de empresas con perspectiva de peche mediante a súa transformación en compañías de economía social; Es-Factory, de apoio aos emprendedores sociais; e o bono consolidación, que inclúe axudas destinadas a garantir a permanencia das empresas xa existentes de economía social.
Para difundir e dar a coñecer os beneficios da economía social, a Xunta conta coa Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e da economía social e co programa Es-Próxima que ten como finalidade poñer en valor a calidade de produtos e servizos, así como os beneficios que aporta á comunidade a economía social.
Por último, para promover o emprego inclusivo, tanto para as persoas con discapacidade como en risco de exclusión social, o Goberno galego ten en marcha axudas destinadas á creación e mantemento de postos de traballo nestes dous ámbitos. Tamén conta con dous proxectos piloto dirixidos á formación dual de persoas con discapacidade intelectual e outro para persoas perceptoras da Risga.
Lorenzana, por último, lembrou que os esforzos da Xunta para con a economía social foron recoñecidos a nivel europeo en 2019, xa que Galicia foi unha das comunidades seleccionadas pola Dirección Xeral de Crecemento da Comisión Europea como socia do proxecto das Rexións de Economía Social Europea (Eser 2019), que ten como obxectivo crear unha rede de economía social innovadora a nivel rexional e local. Tamén apuntou que a Xunta ten en marcha a Estratexia galega de economía social e que seguirá traballando co sector, a través do Foro Galego de Economía Social e do Consello de Economía Social de Galicia, na aposta por este modelo económico que “contribúe a crear emprego baixo o principio de solidariedade e cara un desenvolvemento económico innovador, o crecemento que queremos para Galicia”, rematou.