O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do Plan de formación para o emprego, dirixido con preferencia ás persoas traballadoras ocupadas cun orzamento, para 2021 e 2022, de 5.550.000 euros. Grazas ao mesmo un total de 5.000 galegas e galegos poderán optar a uns 500 cursos que celebrarán ata o 30 de novembro de 2022 as entidades de formación que resulten beneficiarias. As accións formativas diríxense prioritariamente ás persoas ocupadas. Aos efectos da nova orde, que se vén de adaptar ao novo contexto laboral, adquiren esa condición tamén as traballadoras e traballadores afectados por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) ou por expedientes de regulación de emprego (ERE) por causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou de forza maior. Os cursos están abertos ademais ás persoas asalariadas que presten os seus servizos en empresas ou en entidades públicas, aos traballadores fixos descontinuos en períodos de non ocupación, a quen acceda á situación de desemprego cando se encontre en período formativo ou a empregados ou socios de entidades da economía social e persoas traballadoras autónomas, entre outros. A formación, que contará cun orzamento de 3 millóns de euros para este ano e 2,5 millóns para 2022, reserva un máximo do 30% das prazas de cada unha das actividades para persoas desempregadas, e do 10% para persoal ao servizo das administracións públicas e outro 10% para traballadores das entidades de economía social. Como outras novidades, adoptaranse medidas flexibles ante a actual situación de pandemia e se incorporan a teleformación e a aula virtual como modalidades para impartir as clases. Tamén se autorizan novos instrumentos que acrediten o control de presenza do persoal docente e do alumnado, garantindo a saúde dos participantes. Poden acceder ás axudas, por unha banda, entidades privadas de formación acreditadas para conceder o correspondente certificado de profesionalidade e, por outra, centros de formación de especialidades formativas non dirixidas á obtención dos mesmos. O prazo de solicitude e dun mes a contar desde mañá. As axudas permitiranlles aos centros afrontar os custos directos e indirectos da actividade formativa. É dicir, os fondos recibidos poden destinarse a sufragar os salarios do persoal docente, amortización de equipos didácticos e plataformas tecnolóxicas, alugueiro de aulas, seguro, transporte, manutención, avaliación da formación ou auditorías. Tamén poden cubrir o salario do persoal de apoio, custos financeiros ou gastos correntes de electricidade, auga, telefonía, calefacción, limpeza ou correo, sempre que estean asociados ás actividades de cualificación. Con cargo á presente convocatoria, financiaranse programas de formación transversal, que favorezan a mobilidade intersectorial dos traballadores e tamén actividades dirixidas a que os alumnos vexan acreditada a súa cualificación e obteñan os correspondentes certificados. A Xunta pretende garantir con esta iniciativa o dereito á formación das persoas traballadoras prioritariamente ocupadas, atendendo aquelas necesidades non cubertas pola formación programada polas propias empresas.