O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a liña de axudas destinada en 2021 á contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social en empresas de inserción laboral. A Consellería de Emprego e Igualdade investirá nesta actuación 800.000 euros -un 5,6% máis que en 2020- co obxectivo de impulsar o emprego dunhas cen persoas por parte das empresas de inserción. Esta iniciativa forma parte da nova Axenda 20, a través da que se destinará e á economía social en 2021 máis de 33 millóns de euros, un incremento do 22% con respecto a 2020. Un proceso de inserción que reafirma o compromiso de Responsabilidade Social tanto desde a administración como desde as empresas privadas.
Estes apoios, polo tanto, van dirixidos ás empresas de inserción laboral para a contratación de persoas en risco ou situación de exclusión social que estean así cualificadas polo Sistema Galego de Servizos Sociais. As persoas en proceso de inserción laboral poderán estar contratadas un máximo de 3 anos. Non se apoiarán contratacións inferiores a 6 meses nin xornadas laborais inferiores ao 50%.
As empresas de inserción laboral son aquelas que, entre outros requisitos, proporcionan aos seus traballadores medidas personalizadas de apoio, os seus cadros de persoal están formados nun 30% como mínimo por persoas en risco ou situación de exclusión social e aplican o 100% dos seus resultados á mellora ou ampliación das estruturas produtivas vinculadas á inserción laboral dos seus traballadores ou a programas de inserción laboral das súas entidades promotoras, ás que tamén van dirixidas estas axudas. En concreto, as entidades promotoras son aquelas corporacións de dereito público, entidades sen ánimo de lucro ou fundacións que inclúen a inserción social das persoas en risco de exclusión entre os seus fins e promoven a constitución de empresas de inserción laboral.
O programa da Xunta, que prevé pagamentos anticipados de ata o 90% da axuda concedida, inclúe dúas liñas: axudas para o mantemento do custo salarial dos traballadores (pode solicitarse ata o 12 de abril) e, doutra banda, incentivos para compensar os custos adicionais do emprego, como por exemplo, os gastos derivados do proceso de creación das empresas ou de formación dos empregados, entre outros (pode pedirse ata o 30 de setembro).
No primeiro caso, a Administración Autonómica financia os custos salariais cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual (incluídas dúas pagas extras) por cada traballador contratado.
A segunda liña de axudas conta con sete tipos de apoios diferentes. Así, incentívase a asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación das empresas de inserción laboral, o inicio e posta en marcha da actividade e a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en proceso de inserción laboral, sempre que os novos contratos estean relacionados coas actividades desenvolvidas pola empresa de inserción.
Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade financia a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción; a contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción; a formación das persoas en proceso de inserción laboral; e a transformación de contratos en indefinidos. Neste último caso, apoiarase con 6.000 euros a contratación de persoas en proceso de inserción laboral nunha empresa ou a transformación dun contrato en indefinido na mesma compañía de inserción laboral. Esta contía tamén se concederá para aquelas persoas que se convertan en autónomos ou se incorporen como socios traballadores a unha sociedade cooperativa ou laboral.
Este programa de axudas garante que as dificultades que poidan sufrir estas entidades como consecuencia da covid-19 non supoñan prexuízo algún de cara á súa permanencia como empresa de economía social nin para obter as axudas autonómicas.