A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou nunha xornada de formación a importancia de que o tecido empresarial galego inclúa protocolos contra o acoso sexual nos seus plans de igualdade. Mancha destocu no encontro, organizado polo Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, que a normativa recolle sancións contra o acoso sexual por razón de orientación sexual ou/e por razón de sexo e apuntou que a inexistencia dun procedemento de detección nos centros de traballo tamén pode ser obxecto de control por parte da Administración.
“Temos que ser esixentes e que as empresas cumpran coa obriga de dispoñer de protocolos contra o acoso sexual porque estamos falando dun ataque á integridade e dignidade das traballadoras e traballadores”, indicou. Mancha, ademais, tamén sinalou a importancia de dar a coñecer estes protocolos e que se ofreza formación sobre como desenvolvelos, afirmando que a cualificación dos traballadores e traballadoras en materia de igualdade é fundamental porque impulsa un emprego de calidade, atendendo á diversidade e á igualdade.
A directora xeral indicou, deste xeito, que o desenvolvemento e a aplicación dos plans de igualdade nos centros de traballo, nos que se inclúan os protocolos contra o acoso sexual, é un dos obxectivos da Consellería de Emprego e Igualdade. “A nosa sociedade e as administracións públicas deben seguir facendo fronte a retos fundamentais para acadar a igualdade real e efectiva”, engadiu.
En palabras de Mancha, estes plans de igualdade articúlanse non só como a garantía da xustiza social coas mulleres, senón como un instrumento de mellora das organizacións en canto á súa imaxe, clima laboral e rendibilidade. “A través da igualdade mellórase a competitividade e desta maneira impulsarase unha Galicia máis sustentable coa responsabilidade social empresarial como elemento diferencial”, matizou.
A directora xeral de Relacións Laborais indicou para rematar que un das prioridades do Goberno galego é favorecer o emprego de calidade dos galegos e galegas “contribuíndo a unha mellora das súas condicións laborais, a unha maior capacitación e á xeración dunha contorna que fomente máis oportunidades de inserción e máis igualdade, xa que con elo conséguese a promoción dá saúde, dá seguridade e do benestar no traballo nas empresas galegas”.