A Xunta publica unha nova convocatoria do programa Aprol Economía Social cun orzamento de máis de 3 millóns de euros

A Xunta publica unha nova convocatoria do programa Aprol Economía Social cun orzamento de máis de 3 millóns de euros

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta continúa apoiando en Galicia o desenvolvemento da economía social a través do programa Aprol Economía Social de fomento ao emprendemento con axudas directas ás cooperativas e sociedades laborais que contan cun orzamento de máis de 3,3 millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 8 de febreiroa convocatoria destes apoios cos que se prevé beneficiar a 120 cooperativas e a incorporación de 250 novos socios. Os interesados poderán solicitar as axudas ata o próximo 30 de setembro. O programa contempla dúas liñas de apoios compatibles entre si: a primeira, de fomento ao emprego en cooperativas e sociedades laborais, favorece a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios; e a segunda, de fomento do acceso á condición de persoa socia, fomenta o acceso á condición de socio de cada un dos seus membros, financiando as achegas económicas que deben desembolsar ao capital social. A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% para determinados colectivos ou circunstancias que dificultan o acceso ao mercado laboral como son as mulleres, as persoas maiores de 45 anos ou as entidades situadas en zonas rurais.
 
Como novidade, na convocatoria deste ano poderán ser beneficiarios da primeira liña os asalariados dunha empresa mercantil que se transforme en cooperativa ou sociedade laboral, sexan temporais ou fixos. Así mesmo, no caso dos beneficiarios da segunda liña que inicien unha actividade por conta propia e se dean de alta nunha cooperativa en réxime de exclusividade, permítese que entre o inicio e a alta na cooperativa transcorran dous anos; ademais, estas axudas son compatibles coas de autónomos.

A Xunta aposta pola consolidación deste sector, que contribúe a ampliar o tecido empresarial e ten especial incidencia no medio rural. O pasado ano, a través deste programa, a Administración autonómica apoiou a 126 cooperativas e sociedades laborais e a incorporación de 256 novos socios.

A Consellería de Emprego e Igualdade ten en marcha outras iniciativas para potenciar o movemento cooperativista. Así, ata o día 22 de febreiro permanece aberta a convocatoria de axudas destinadas a sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das asociacións de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral, así como a dirixida á realización de actividades de promoción do cooperativismo e da economía social por parte das entidades colaboradoras da Rede Eusumo.  

Igualmente, ata o 30 de abril poden presentarse proxectos aos Premios á Cooperación e ao certame de Cooperativismo no Ensino. Ambas propostas pretenden difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, para incrementar as opcións deste modelo empresarial entre os emprendedores galegos.