A Xunta destaca a importancia da integración laboral de persoas con discapacidade e en situación de vulnerabilidade

A Xunta destaca a importancia da integración laboral de persoas con discapacidade e en situación de vulnerabilidade Destacado

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta continúa traballando no impulso de accións integradas na Responsabilidade Social Empresarial como é a integración laboral de persoas con discapacidade e en situación de vulnerabilidade así como na formación dos mesmos.

 

No relativo a ambos apartados a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, esta a manter encontros cos representantes de distintas entidades co obxectivo de recabar necesidades e transmitir todos os apoios que a Xunta ten para estes colectivos.

Así mantivo unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión), Eladio Fernández, para avanzar programas en materia de empregabilidade de persoas con discapacidade, en especial de formación dual dirixida ao colectivo, e a prol do traballo despregado polos centros especiais de emprego (CEE). Un encontro no que Lorenzana lembrou que a Xunta de Galicia vén traballando intensamente nos últimos anos para garantir unha verdadeira integración das persoas con discapacidade. Nesta tarefa considerou fundamental o traballo despregado polos  centros especiais de emprego. A conselleira avogou pola consolidación destes centros como mecanismos que incrementan as posibilidades laborais do colectivo, en especial de quen se atopa na busca de traballo.

A Xunta coincidiu con Fademga en que a formación dual de persoas con discapacidade intelectual é clave para este colectivo. Nesta liña, a Xunta está a desenvolver un programa piloto para un total de 60 destinatarios, todas elas persoas con discapacidade intelectual. Trátase de realizar proxectos baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a cualificación recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego. Ao seu remate os destinatarios saen capacitados para mellorar a súa inserción profesional e obteñen certificados de profesionalidade.

Entre 2019 e 2022 está previsto un investimento no programa piloto de máis de 2 millóns de euros. Este ano destínanse 563.000 euros.

Situación de vulnerabilidade

Por outra banda a conselleira tamén mantivo unha xuntanza por videoconferencia co director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez, na que puxo en valor o traballo que realiza esta entidade, con presenza en Galicia desde hai máis de 30 anos, co fin de axudar ás persoas con problemas de adición e ás súas familias. Así, destacou o labor que desenvolve para acadar a rehabilitación e reinserción socioalaboral destas persoas e os programas que realiza en materia de prevención e sensibilización.

A titular de Emprego e Igualdade amosou o compromiso do Goberno galego de continuar apoiando o traballo de asociacións como a de Proxecto Home e, ao respecto, lembrou que a Xunta conta desde hai anos con programas para incentivar a contratación laboral dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Tamén sinalou a importancia da formación especializada para incrementar as posibilidades de atopar un emprego.

Lorenzana recordou as principais características do programa de apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas desempregadas e sinalou, ademais, que a Administración autonómica ten en marcha a iniciativa Galicia Emprega coa que se está apoiando a formación e a contratación en empresas de máis de 1.100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Segundo a conselleira, a mellor política social que a Administración pode facer é reforzar as medidas de emprego e, así, apuntou que a Xunta activou a nova Axenda de Emprego, adaptada ao actual contexto para dar unha resposta áxil aos efectos da covid-19,  coa que se prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas que beneficiarán a máis de 65.000 persoas.