A xornada Igualdade na Axenda 2030 organizada pola Universidade de Vigo aposta polas políticas de igualdade dentro da responsabilidade social empresarial
Uvigo

A xornada Igualdade na Axenda 2030 organizada pola Universidade de Vigo aposta polas políticas de igualdade dentro da responsabilidade social empresarial Destacado

Imprimir Email
(0 votos)
A Universidade de Vigo desenvolveu unha xornada "Igualdade na Axenda 2030" na que foi tratada a Xestión do desenvolvemento sostible e Administración integrada de empresas e responsabilidade social corporativa.
 
Unha xornadas desenvolvidas presencialmente e cumprindo cos protocolos sanitarios esixidos na actualidade por mor da Covid19 que, como explicou a profesora e coordinadora do encontro Rocio Rodríguez teñen como obxectivo "transmitirlle ao alumnado e á comunidade universitaria en xeral a importancia da Igualdade de xénero dentro do marco da Responsabilidade Social Corporativa”
Un tema no que “queda moitísimo por facer”
 
Segundo recolle a páxina da Universidade de Vigo o programa da xornada, patrocinada pola Unidade de Igualdade, abriuse coa charla A responsabilidade social e a igualdade, impartida por Ana Rodríguez Vázquez, docente especializada en RSE e Economía Circular e titora do programa Responsabilízate (RSE) da Xunta de Galicia. “A miña idea é relacionar como a igualdade está unida inevitablemente á responsabilidade social empresarial”, explicou Rodríguez Vázquez, quen tamén exerce como embaixadora da Economía Circular e a Innovación Tecnolóxica da Advanced Leadership Foundation. “Moita xente non entende o tema da Igualdade co enfoque estratéxico que debería ter, senón como accións illadas”, apuntou a experta, ao tempo que fixo fincapé en que dentro desa responsabilidade social empresarial débense introducir tamén os conceptos dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible e, xa máis concretamente, o ODS número 5, centrado en temas de Igualdade.
 
A situación regulatoria destas cuestións a nivel internacional, español e autonómico foi outro dos temas que se abordou nesta primeira charla das xornadas. No caso galego a experta centrouse no propio programa Responsabilízate, dirixido a impulsar un maior desenvolvemento e implantación da RSE nas pequenas e medianas empresas e entre as autónomas e autónomos galegos. “Eu penso que as pemes galegas son cada vez máis conscientes da importancia destes temas pero a verdade é que queda moitísimo por facer”, apuntou Rodríguez Vázquez, quen lamentou que, “polo agora é moi pouquiño o que se ten feito neste sentido”.
 
Tras Rodríguez Vázquez, Yolanda Molares, socia directora do Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa SL-ICSEM, centrou a súa intervención nas diferentes ferramentas que existen na actualidade para implantar os plans de igualdade e o programa da xornada pechouse coa intervención das profesoras da Universidade de Vigo Sonia Rodríguez Parada e Belén Fernández-Feijóo, integrantes do grupo de traballo do IG, un indicador empregado para medir o índice de Igualdade de xénero nas empresas galegas elaborado por un grupo de investigadoras de Ecobas, en colaboración con Zona Franca.