O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou na apertura da terceira edición do RSEncontro, que tivo lugar onte en Santiago, que a Xunta está a fortalecer o seu impulso á responsabilidade social empresarial co obxectivo de seguir apoiando as empresas para que sexan máis responsables socialmente e máis competitivas.
O titular de Emprego explicou que as empresas con éxito son aquelas que unen o seu crecemento económico ao benestar social. “O noso reto é levar esta cultura da RSE ás pequenas e medianas empresas contando coa axuda e experiencia das grandes empresas”, apuntou. Para iso, afirmou que a consellería lle dará un novo pulo ao Grupo de Representación Empresarial Galego en RSE nos vindeiros meses.
É importante apoiar a RSE desde a Administración. Neste senso, o Goberno galego está elaborando a nova Estratexia galega de RSE 2016-2020 coa que se busca darlle unha resposta aos novos retos e desafíos neste eido. Así mesmo, resaltou a inmediata convocatoria das axudas dirixidas ás empresas para a obtención de certificacións de normas ou estándares en materia de RSE con apoios á adopción de medidas de conciliación para o establecemento do teletraballo e da flexibilidade horaria e para investimentos na empresa para establecer sistemas de teletraballo. Ademais, avanzou a convocatoria do programa Responsabilízate, co que se ofrecerá a máis de 50 empresas un servizo de titoría para acompañalas na implantación dun plan de RSE.
No documento estratéxico contémplase seguir co impulso das actividades de difusión da RSE, como é o caso deste RSEncontro, ao que a consellería apoiou e prestou a súa colaboración, xa que , tal e como subliñou o conselleiro, “o labor de concienciación é cousa de todos e, por suposto, tamén das administracións públicas que debemos seguir fomentando accións e comportamentos responsables”.
Sede nacional da RSE
Santiago convértese este ano na sede nacional da responsablidade social española acollendo a terceira edición do RSEncontro. O evento está pensado para compartir experiencias, afondar na aprendizaxe da materia e crear canles de unión entre administracións, empresas, investigadores e o terceiro sector, estando presente persoal da Secretaría Xeral de Emprego participando en diversos talleres e grupos de traballo.
Despois da sesión inaugural, o encontro acolleu a mañá do venres 10 de xuño diferentes talleres prácticos impartidos por diversos expertos para tratar temas como o salario emocional, os grupos de interese, a xestión do risco, o green marketing, o branding, o terceiro sector e a xestión da RSE na empresa familiar. Os asistentes tamén coñecerán de primeira man a empresa Trameve, pertencente ao Grupo Cogami. Ademais, pola tarde, coñecerase o proxecto social gañador da sección "O meu proxecto nun minuto".
O RSEncontro remata mañá sábado 11 de xuño, cando se debaterá sobre RSE nun sentido amplo e se darán a coñecer as conclusións colaborativas da terceira edición deste evento.