Herdanza Mater

Herdanza Mater é o programa de responsabilidade social corporativa de Amicos, unha iniciativa aberta á participación activa de todas as empresas e organizacións que desexen sumarse para contribuír á mellora social, económica e ambiental da súa contorna de forma voluntaria.

Baixo o lema de “Coidar do noso, coidando dos nosos”, o seu obxectivo principal é o coidado do medio ambiente, aínda que con esta acción buscan tamén apoiar ás mulleres con discapacidades e ás mulleres rurais para conseguir a súa inclusión laboral, logrando así unha sociedade sustentable onde todas as persoas teñan a oportunidade de desenvolver o seu potencial.

Mediante esta iniciativa, dende Amicos actúan en prol da conservación da natureza en espazos protexidos coa súa Ecobrigada, formada por persoas con discapacidade intelectual, cualificadas e formadas para a execución das actividades.

O que buscan mediante Herdanza Mater é que estas persoas con discapacidade intelectual sexan o motor de cambio medioambiental, realizando actividades como limpeza de residuos mariños, reforestacións forestais para a compensación da pegada de carbono (como a que realizaron en Leiro – Rianxo) ou actuacións relacionadas coa xardinería, como a erradicación de plantas invasoras na Illa de Sálvora. En actuacións coma estas, ademais, hai outros actores sociais implicados como Properdis SL, Servinserta EIL, Grupo Puentes ou Vegalsa Eroski, así como o propio Parque Nacional das Illas Atlánticas.