Pablo Fernández: “É importante poñer en valor que a Xunta conta cunha Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial, que non é algo común a todas as Administracións”

Pablo Fernández: “É importante poñer en valor que a Xunta conta cunha Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial, que non é algo común a todas as Administracións”

Imprimir Email
(0 votos)

Co nomeamento do novo Goberno galego o pasado mes de abril, Pablo Fernández pasou a ocupar o cargo de secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Nacido en Pontevedra en 1984, Pablo Fernández é titulado en Enxeñería Industrial pola UNED e en Enxeñería Técnica Industrial pola Universidade de Vigo. Conta co título de técnico superior de prevención de riscos laborais e de especialista universitario en Deseño e Cálculo de Estruturas.

Tras comezar a súa traxectoria profesional como traballador por conta allea en 2007, pasou a establecerse como profesional libre por conta propia desde 2013 ata a toma de posesión do cargo actual. A súa experiencia como autónomo levoulle a presidir a Asociación de Novos Empresarios (AJE) de Pontevedra e ser vicepresidente de AJE Galicia entre os anos 2017 e 2019.

1 - Ante o tsunami regulatorio que obriga ás empresas para destinar cada vez máis recursos á xestión da súa estratexia ASG (Ambiental, Social e de Gobernanza), que recursos pon a Xunta ao dispor das empresas para facilitar a súa adaptación a esta nova contorna?

É importante poñer en valor que a Xunta conta cunha Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial, que non é algo común a todas as Administracións. Esta Estratexia inclúe unha folla de ruta con directrices que orientan o apoio da Xunta ás empresas galegas fronte ao novo contexto regulatorio e de mercado. 

A sustentabilidade foi evolucionando ao longo dos últimos anos, pasando de ser algo abstracto e descoñecido, percibido principalmente como unha carga burocrática, a converterse nunha oportunidade para as empresas. A Estratexia busca xerar ferramentas para axudar ás empresas galegas a afrontar o reto de abordar todas as vertentes da sustentabilidade e facer dela un elemento diferenciador.

A nosa Estratexia tamén resalta a relevancia da colaboración vertical e transversal entre as empresas, a cidadanía e a Administración. Somos conscientes de que afinar a coordinación e o diálogo entre os diferentes estamentos é fundamental para alcanzar os obxectivos propostos.

As 25 accións nas que se desenvolve a Estratexia poñen unha variedade de recursos ao dispor das empresas. Exemplo disto son as iniciativas de formación e asesoramento como o Programa Responsabilízate, as ferramentas dixitais para a xestión de criterios ASG e as iniciativas de visibilización e recoñecemento de boas prácticas das empresas que xa teñen camiño percorrido en xestión da sustentabilidade.

2 - Desde a visión da Xunta, que importancia ten o papel das pemes e microempresas no proceso de evolución cara a unha economía ambiental e socialmente sostible?

En Galicia, máis do 90% do tecido empresarial está integrado por pemes e microempresas. Consideramos que estes son os actores aos que temos que dirixir as axudas porque son os que contan con menos recursos para xestionar os seus aspectos ASG. Na actualidade, este é o perfil de organización menos afectada pola regulación, aínda que se prevé que a normativa que xa incumbe ás grandes empresas vaia permeando cara a empresas cada vez máis pequenas.

Xa vemos cada vez máis entidades bancarias que nas súas valoracións de risco inclúen criterios de sustentabilidade e grandes empresas que realizan requirimentos relacionados con aspectos ASG a todas as organizacións coas que operan, incluídas as pequenas: selos de calidade, garantías de rastrexabilidade dos materiais, documentación de procedementos, e demais. Desde a Xunta, queremos axudar a estas pequenas entidades, ás que acompañamos en dar un salto diferencial que potencie o gran músculo empresarial que representan a nivel autonómico.

Para as pequenas empresas, a dedicación de recursos á sustentabilidade supón un esforzo, pero tamén é un investimento con potencial para xerar moito valor, tanto en forma de novas oportunidades de negocio como en forma de aforro de custos, por exemplo, grazas á implementación de medidas de aforro enerxético. Desde a Xunta, axudamos ás empresas para abordar ese investimento inicial para que sexa máis fácil de afrontar.

3 - O programa Responsabilízate xa acompañou a máis de 400 empresas no seu camiño cara á transformación sostible e actualmente está en curso a cuarta edición. Como valora a Xunta esta acollida?

Podemos presumir pola calidade de pioneiro a nivel europeo do programa Responsabilízate. Con varias edicións ás nosas costas e melloras implementadas en cada nova edición, é especialmente satisfactorio coñecer testemuños de empresas que pasaron polo programa e que experimentaron melloras palpables a curto prazo. Adoitamos realizar encontros con estas empresas para dar a coñecer as súas boas prácticas e animar a outras entidades para iniciar o mesmo percorrido. Ao contar a súa experiencia, todas falan de como ao principio vían a sustentabilidade como un escollo difícil de abordar, pero despois de animarse a inscribirse no programa e poñer en marcha unha estratexia de sustentabilidade, puideron implementar melloras directas nun período de tempo reducido.

As 400 empresas que xa pasaron polo programa e as case 200 que están a traballar nesta nova edición, fan eco da solidez do programa Responsabilízate; por parte da Xunta, sabemos que debemos seguir poñendo o foco nas pequenas organizacións, que son as que teñen máis dificultades para dar o salto inicial pola falta de recursos. Por exemplo, para unha microempresa cun autónomo e 3 traballadores, dedicar unha persoa para xestionar a estratexia de sustentabilidade supoñería dedicar o 25% dos recursos da empresa a este tema, o cal sería inviable. Somos conscientes de que este é o tipo de organización que máis necesita o noso soporte.

Para que máis pemes e microempresas se animen a impulsar esta transformación, na Xunta sabemos que é importante que as organizacións perciban beneficios palpables á incorporación de criterios ASG nos seus modelos de negocio; por exemplo, acceder a un crédito bancario en mellores condicións ou pagar menos impostos. Desde a Administración temos que ser os primeiros non só en axudar, senón tamén en premiar ás empresas que fan as cousas ben, porque é necesario que o esforzo reverta de forma positiva nas propias organizacións para que poida manterse a longo prazo.

4 - Cales son as vantaxes para as pemes e microempresas galegas de ser máis sostibles? Como recoñece a Xunta o esforzo por causar un impacto positivo na contorna?

As empresas máis sostibles, en primeiro lugar, posúen un forte elemento diferenciador fronte á competencia; en segundo lugar, avanzan con vantaxe fronte á necesidade de adaptarse ás esixencias do mercado actual, onde os clientes esixen en cada vez maior medida que se cumpran criterios de sustentabilidade ao longo das cadeas de valor. Tamén supón vantaxes á hora de atopar e reter o talento nun mercado laboral integrado por persoas traballadoras que cada vez valoran máis o compromiso das empresas coa contorna ambiental, social e económico. Para unha empresa, contar cunha estratexia ASG pode promover a apertura a novos mercados, impulsar o acceso a fontes de financiamento, facilitar o acceso a contratos públicos, reducir os custos enerxéticos e a pegada de carbono, evitar taxas e impostos a materias primas contaminantes… Hai un amplo abanico de vantaxes que valorar.

Desde a Xunta, desenvolvemos a tarefa de dar visibilidade ás organizacións que xa están a experimentar os beneficios asociados a estas vantaxes; por exemplo, convidando as empresas que pasaron polo programa Responsabilízate a falar das melloras que lograron implementar. Tamén convocamos os Premios RSE Galicia, dos cales esperamos sacar deica pouco unha nova edición, e contamos co Banco de Ideas Responsables na web RSE Xunta de Galicia, onde se dan a coñecer as accións que as empresas levan a cabo en materia sustentabilidade.

5 - Como continuará apoiando a Xunta ás pemes e microempresas para que sigan desenvolvendo as súas estratexias de sustentabilidade?

Desde a Xunta, adquirimos o compromiso de executar as 25 accións que compoñen a Estratexia RSE durante o prazo establecido ata 2025. O cumprimento destas accións pasa por potenciar o programa Responsabilízate, ofrecer formación aos empresarios para que poidan adquirir coñecementos nesta materia, facilitar ferramentas dixitais para a implementación de criterios ASG... En definitiva, queremos dar continuidade ao acompañamento que vimos facendo coas empresas, impulsar a súa diferenciación como organizacións máis sostibles e premiar o seu esforzo a través de medidas como redución de taxas e impostos, introdución de aspectos ASG como criterio de valoración nos procesos de contratación pública, e demais.