- A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, lembrou que a iniciativa, que brinda asesoramento gratuíto, se atopa en fase de captación de empresas
- Os beneficiarios reciben formación e un plan de acción para implantar medidas de xestión medioambiental, social e de goberno cooperativo
O Porriño (Pontevedra), 18 de abril de 2023
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na presentación da cuarta edición do programa Responsabilízate 2024 en Pontevedra, co que a Xunta quere asesorar duascentas pequenas e medianas empresas e autónomos en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
No acto, desenvolvido en colaboración coa Asociación de Empresarios As Gándaras-Porriño e do Polígono A Granxa, Mancha referendou o compromiso da Administración autonómica para que o tecido produtivo aposte polos valores medioambientais, sociais e de goberno corporativo, os tres piares da sustentabilidade.
O programa, de carácter gratuíto, atópase en fase de captación. Ata o momento un total de 133 empresas formalizaron a súa participación. As primeiras interesadas proceden de sectores como a hostalaría, o turismo, a biotecnoloxía ou as enerxías renovables.
A directora xeral destacou a diversidade e a innovación reflectida nas solicitudes e lembrou que poden participar en Responsabilízate 2024 pemes e autónomos que teñan o seu domicilio social ou conten con centro de traballo en Galicia.
As candidatas deben ter, polo menos, unha persoa contratada por conta allea, non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior aos 43 millóns de euros.
As inscricións para están abertas a empresas interesadas en participar, a través da ligazón: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=es_ES&codtram=TR320B.
Nas tres edicións anteriores participaron un total de 400 pequenas e medianas empresas, 200 o ano pasado, con representación de máis de 40 sectores de actividade.
O programa forma parte do conxunto de actuacións que a Xunta de Galicia está a despregar no marco da Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) 2023-2025. Esta planificación, dotada con 174 millóns de euros de orzamento, está a preparar a Galicia para os retos da economía sustentable e dixitalizada, indicou a directora xeral.
Na xornada de presentación, ademais da directora xeral de Relacións Laborais, tomaron parte representantes da Federación Galega de Parques Empresariais e das firmas Bosque Mar, Darlim, Ceamsa e Lonza.
A Xunta de Galicia está a celebrar sesións como a de hoxe en diferentes localidades para dar difusión ao programa e trasladar ao tecido produtivo os beneficios de incorporar os principios da RSE á súa actividade. Tal e como indicou Mancha, non soamente se perciben nunha redución dos custos, senón tamén dos ingresos, por contribuír, dixo, a atraer novos clientes e acceder a mercados inexplorados.