Manuel Deza, director xeral de Coreti: “A sostibilidade é rendible desde o momento en que nos garante futuro”

Manuel Deza, director xeral de Coreti: “A sostibilidade é rendible desde o momento en que nos garante futuro”

Imprimir Email
(0 votos)

Coreti, unha das compañías máis importantes a nivel nacional en fabricación de etiquetaxe, leva máis de 30 anos promovendo unha cultura empresarial baseada no respecto polo medio ambiente, as persoas e a xestión responsable.

En 2023 formou parte de programa Responsabilízate, da Xunta de Galicia, a través do cal, segundo o seu director xeral, Manuel Deza, a empresa puido visibilizar e poñer en valor todas aquelas accións que a compañía leva a cabo baixo os criterios ASG.

1.- Coreti, empresa dedicada á fabricación de etiquetas adhesivas superou o cuarto de século de historia, cal é o secreto?

O secreto son as persoas. As que crearon esta compañía alá polo ano 1991 e todas as que nos acompañan, e seguen facéndoo neste camiño tan fermoso que é Coreti. As que, co seu esforzo, tesón, empuxe, as que coas súas ideas e achegas fixeron da nosa empresa o que é hoxe, referente no noso sector e unha das máis importantes a nivel nacional.

2.- Desde hai anos, unha das liñas estratéxicas da compañía é a sostibilidade. En que momento se decide optar por esta vía?

Esta vía de traballo estivo sempre moi presente na filosofía e nos principios de Coreti. Separar correctamente os residuos para a súa correcta xestión e o destino á súa reciclaxe, así como a procura incesante de saídas de reutilización destes, foron e seguen sendo a nosa máxima diaria. Tender cara ao obxectivo de residuos “0” e cara á total circularidade do noso proceso é sobre o que agora estamos a traballar.

3.- 2019 foi un ano decisivo. En que consiste o Plan de Economía Circular? E cal foi o fito conseguido xa en 2019?

Co noso Plan de Economía Circular quixemos centralizar e xuntar todas as accións en materia de sostibilidade, xestión de residuos e circularidade. Baixo este paraugas marcámonos cada vez obxectivos máis ambiciosos e retos máis difíciles, que debemos conseguir por nós e polo planeta. Así mesmo, con esta iniciativa buscamos involucrar a cada unha das persoas que forman parte do noso día a día, desde traballadores, moi comprometidos e con esta mentalidade sostible na cabeza, ata clientes, provedores e amigos.

Desde logo, o fito máis importante conseguido, e que supuxo un antes e un despois, tras anos de procura de saídas ao noso principal residuo, o soporte glassine, foi o poder formar parte do programa Rafcycle de recollida e reciclaxe de papel glassine. Este logro converteunos neses momentos nos primeiros do noso sector. O obxectivo deste programa é destinar este material de refugallo, polo menos unha parte importante, á fabricación de máis papel glassine, pechando totalmente o círculo.

4.- En 2023 a empresa certificouse co selo “Responsabilízate”. Foi o primeiro achegamento de empresa cos criterios ASG?

Non, como comentamos, estas siglas e criterios forman parte da política de Coreti desde sempre. O respecto pola nosa contorna e o noso planeta, a procura de saídas aos nosos residuos e os obxectivos ambiciosos marcados no ámbito ambiental corrobórano. Tamén no social, non só pola procura e a loita polo benestar dos nosos traballadores, polo noso interese en colaborar con entidades sociais, educativas e deportivas da contorna, senón tamén polas relacións con clientes, provedores e amigos que forman parte do noso día a día. A parte de gobernanza, de boa gobernanza, está moi relacionada e desde logo facilita sentirnos parte do que chamamos a “gran familia Coreti”. Formada non só polas persoas que traballamos aquí, senón tamén pola familia propia de cada un de nós.

5.- Para Coreti, que significan as siglas ASG?

Son a parte case máis importante que o resto de cuestións propias do negocio ao que nos dedicamos, pois sen as accións ambientais, sen abordar os asuntos sociais internos e externos, ou sen unha boa xestión da compañía, de pouco nos valería ser un dos máis importantes fabricantes de etiquetas do  país.

6.- Dos tres criterios: ambiental, social e de gobernanza, cal é o prioritario para a compañía?

Creo que, obrigatoriamente, o ambiental cobra cada día máis protagonismo nas accións das compañías, por unha cuestión básica de supervivencia e tamén de lexislación a aplicar. Necesario totalmente. Pero a parte social non debe quedar en segundo plano. As necesidades das persoas, das entidades e da contorna deben, dalgún modo, ser tidas moi en conta e ser atendidas polas empresas. A boa gobernanza está moi relacionada, baixo o meu punto de vista, cos dous criterios anteriores, pois signo dunha boa xestión é dispoñer dunha excelente política de atención ao medio ambiente e ás cuestións sociais, entre todas as demais que deben atenderse a nivel de negocio e mercado.

 

“O criterio ambiental cobra cada día máis protagonismo nas accións das compañías, por unha cuestión básica de supervivencia e tamén de lexislación”

 

7.- Que logros conseguiu Coreti en materia ambiental?

Cada gran de area que poñemos nesta área, cada pequena acción que poñemos en marcha nesta materia é un logro. Así que cremos que son bastantes os que estamos a conseguir aos poucos e paso a paso. Desde darlle unha segunda vida ao principal residuo da nosa industria, ata certificar os nosos materiais como provenientes de bosques social, ambiental e economicamente ben xestionados con FSC Cadea de Custodia, ou ampliar cada vez a gama de produtos sostibles.

8.- En social?

O maior logro aquí creo que é acadar unha igualdade real entre homes e mulleres, abrindo o noso espectro a un equipo de traballo paritario, tamén na parte de produción, onde cada vez máis mulleres desenvolven labores que, antigamente no noso sector, relacionábanse totalmente con homes. Están a cambiar as cousas neste ámbito, e Coreti tamén axudou a que esta visión e sobre todo esta realidade cambiasen. Xa era hora!

 9.- E de bo goberno?

Pasar a formar parte dun xigante no sector do packaging como é Asteria Labels and More, mantendo a xestión por parte de quen leva máis de media vida en Coreti, creo que foi un reto, un logro e un acerto. O conservar as raíces dunha compañía galega, que as ten moi enraizadas, pero cunha visión de negocio nacional e internacional, fai que o éxito estea asegurado, ben por continuar sentíndonos e sendo unha auténtica familia, ben porque seguimos vivindo de clientes locais e nacionais, grandes e pequenos.

10.- Que supuxo para a compañía participar no programa Responsabilízate?

Foi realmente moi positivo, pois serviu para visibilizar e poñer en valor acciones que levamos a cabo en Coreti e que son realmente positivas e teñen un efecto totalmente enriquecedor na compañía, nos traballadores, na contorna e no espectro empresarial. Ser recoñecidos porque facemos as cousas ben, e que imos polo bo camiño, como moitas outras empresas da nosa comunidade autónoma, axuda, anima e alenta para continuar por esta senda.

11.- A sostibilidade é rendible?

Desde logo que si. Desde o momento en que, con ela garantimos o futuro, garantimos unha continuidade da rendibilidade nas empresas. Se non o facemos así, a rendibilidade de agora converterase nunha ruína mañá.

12.- Recomendaría a outras empresas adherirse ao programa Responsabilízate? Por que?

Si, claro, para poder validar as políticas ASG que as compañías levan a cabo. Sentirse valorados e que imos polo bo camiño, ou ben poder sacar conclusións que permitan mellorar o modo en que facemos as cousas, é só unha pequena mostra de todo o que podemos sacar en positivo e do que enriquecernos se participamos no programa Responsabilízate da Xunta de Galicia.

13.- A que empresas?

Todas, desde as máis pequenas ás máis grandes. Todas debemos saber traballar con estes principios de boa xestión ambiental, social e de gobernanza. Algunhas xa o fan e deben sentir valorado o seu traballo. Outras o necesitan para comezar a facelo.

15.- Para finalizar, como se proxecta a empresa no futuro?

Queremos pensar que nos esperan cousas moi boas por diante, a Coreti e a todos os que formamos parte da compañía. Polo menos temos todas as esperanzas postas niso. En Coreti, queremos ser a solución global ás necesidades de packaging dos nosos clientes. Queremos ser tamén a solución sostible a todas elas. Da man do grupo Asteria estamos aínda máis capacitados para facelo. Queremos ser o apoio das escolas de formación e de artes gráficas para que a nosa industria estea dotada cada vez de máis e mellores profesionais. Queremos ser a guía dos nosos clientes, provedores e amigos, dando a mellor solución ás inquietudes de etiquetaxe, tamén en materia de sostibilidade, deseño e imaxe de marca para o seu produto.