A Xunta inviste 1,4 M€ a promover a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial entre o tecido produtivo galego

A Xunta inviste 1,4 M€ a promover a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial entre o tecido produtivo galego

Imprimir Email
(0 votos)

O prazo de solicitude das axudas dirixidas a pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado para impulsar a implantación de medidas de igualdade laboral, conciliación e de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) está vixente ata o vindeiro 6 de marzo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado martes 6 de febreiro unha nova convocatoria destes apoios da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coa que se pretende chegar a beneficiar unhas 250 empresas e que está estruturada en tres liñas: unha primeira, para fomentar a elaboración e posta en de plans de igualdade (orzamento: 250.000 euros); unha segunda, para a implantación de medidas de conciliación, teletraballo e flexibilidade horaria (1,05 millóns de euros); e unha terceira, dotada con 100.000 euros, para que as empresas poidan optar a certificacións en materia de RSE que recoñezan as súas boas prácticas.

Para a elaboración de plans de igualdade, a Xunta de Galicia prevé apoios, que se bareman en función do tamaño da empresa e dos cadros de persoal, que poden chegar ata 22.000 euros de ter máis de 20 persoas empregadas e que se destinarán, de ser o caso, á contratación de expertas ou expertos en igualdade, á realización dunha diagnose previa á elaboración dun plan de igualdade, para cubrir gastos da propia elaboración do plan e para a implantación das medidas contidas nel.

Doutra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador ou traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para profesionais ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Inclúense neste segundo paquete de achegas, ás destinadas á adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coas que se financiará ata o 80 % do investimento con tope de 1.500 euros por empregada ou empregado beneficiario e co límite máximo por empresa situado nos 20.000 euros. Ao igual que no caso anterior, a axuda aumentará nun 10 % naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

En terceiro lugar, este programa de Promoción do Emprego e Igualdade apoia ás empresas e ao traballo autónomo na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80 % dos custes do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por entidade.