As axudas do programa Galicia Emprega para incentivar a contratación de persoas desempregadas na empresa, centros especiais de emprego, entidades sen ánimo de lucro e empresas de inserción poderán solicitarse desde o vindeiro 26 de xaneiro ata o próximo 30 de setembro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria deste programa ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 17,5 millóns de euros.
A actuación está dirixida á contratación indefinida de persoas con máis dificultades para atopar un posto de traballo como son a mocidade (contará con 6.000 euros de apoio base), persoas paradas de longa duración (9.000 euros), mulleres (10.000 euros), emigrantes retornados ou estranxeiros (9.000 euros) e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social (14.000 euros). Como novidade nesta edición, redúcese de 55 a 52 anos o acceso ao incentivo deste colectivo, que contarán para a súa contratación cun apoio base de 9.000 euros.
Estas contías base por cada contrato que se desenvolva poderán incrementarse nun 15 %, sendo acumulables entre si, se o centro de traballo está situado nun concello rural ou se a contratación se realiza con mulleres nunha actividade económica con subrepresentación feminina, entre outros. Por cada contratación indefinida inicial que se realice, ademais, poderá solicitarse ata 4.000 euros para formación no centro de traballo.
Galicia Emprega, así mesmo, contempla incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a tempo completo, para a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e para o incremento de duración dos contratos fixos descontinuos.
A contía máxima posible de axuda, de aplicarse todos os incrementos, será de 24.500 euros por persoas contratada, que poderá aumentar en 4.000 euros co bono formación. Con este programa de axudas, a Xunta agarda poder beneficiar a unhas 1.500 persoas traballadoras por conta allea. A finalidade da iniciativa é favorecer o emprego a través de incentivos á contratación de persoas desempregadas e a súa formación no posto de traballo.