A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, clausurou ante máis dun cento de persoas a última das xornadas do 5º Plan de Formación dos Centros de Información á Muller (CIM) organizadas polo seu departamento, que versou sobre Violencia de xénero no ámbito xudicial e correu a cargo da maxistrada Belén Rubido.
En total, desde o pasado setembro, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofertou máis de 1.000 prazas para 39 horas de formación para actualizar diferentes cuestións relacionadas coa igualdade e a prevención da violencia de xénero.
Ademais do persoal dos 84 CIM galegos, teñen acceso a estas formacións as persoas traballadoras do Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, do Centro de emerxencia para mulleres en situación de violencia de xénero, das casas de acollida e das oficinas de atención á vítima dos xulgados. Tamén o persoal da Administración que presta servizos na Secretaría Xeral da Igualdade ou nas unidades administrativas de Igualdade das xefaturas territoriais das Delegacións da Xunta.
Os cursos que rematan o 12 de decembro abordaron a lexislación da trata con fins de explotación sexual, o trauma nas vítimas de violencia de xénero, as prestacións e recursos para as vítimas desta lacra, a violencia de xénero no ámbito xudicial e a sensibilización e formación sobre a violencia contra a comunidade LGTBI.
Unha das novidades deste ano foi precisamente a formación ofertada en materia de atención ás persoas LGTBI no marco da iniciativa que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de aproveitar a experiencia dos CIM para apoiar este colectivo e traballar na sensibilización e prevención das actitudes LGTBIfóbicas que lles afectan.
Promoción do Emprego e Igualdade quere darlle continuidade a este programa formativo para o persoal dos CIM, que en 2024 acadará a súa sexta edición.
Apoio aos CIM
Para a Xunta de Galicia, os CIM constitúen unha ferramenta clave no traballo en igualdade e contra violencia de xénero polo seu labor de primeira liña en atención ás persoas.
O Goberno galego apoia o seu labor e apoia este recurso cunha orde de axudas que se convoca anualmente para garantir o seu funcionamento. Grazas a ela fináncianse os postos de traballo dos centros existentes. En 2024 están orzamentados 4,4 millóns de euros, un 7,3% máis que na anualidade anterior.
O Goberno galego seguirá a impulsar esta rede de centros para que ningunha muller se sinta desamparada e conte con servizos de axuda o máis preto posible do seu fogar.
A comunidade conta con 84 CIMs, recurso esencial no traballo coas persoas, pola súa proximidade e pola súa consolidación nas contornas -sobre todo rurais- onde atenden unha media de 9.500 usuarias ao ano e dan cobertura a case 200 concellos.