Preto dun cento profesionais que traballan nos Centros de Información á Muller (CIM) están xa a recibir formación en materia de atención ás persoas LGTBI no marco da iniciativa que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de aproveitar a experiencia dos CIM para apoiar este colectivo e traballar na sensibilización e prevención das actitudes LGTBIfóbicas que lles afectan.
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, asistiu o 13 de novembro á primeira das sesións presenciais desta iniciativa que tivo lugar na Escola Galega da Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela. O curso estrutúrase en tres xornadas virtuais e dúas presenciais. A formación virtual rematou a semana anterior e as presenciais celebraranse nas catro provincias galegas. A do día 13, na EGAP, tamén tivo lugar na delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra. Nestes dous emprazamentos volveranse celebrar o vindeiro 18 de decembro. Ademais, as delegacións territoriais de Lugo e Ourense acollerán as mesmas sesións o 14 de novembro e o 19 de decembro.
A comunidade conta con 84 CIMs, recurso esencial no traballo coas persoas, pola súa proximidade e pola súa consolidación nas contornas -sobre todo rurais- onde atenden unha media de 9.500 usuarias ao ano.
Entre outros asuntos, impártense módulos sobre a información legal en materia LGTBI, análise de casos de discriminación, recursos existentes e protocolos de actuación e debate e propostas para a mellora na atención a estas persoas.
O Goberno autonómico está a traballar por unha Galicia diversa na que todas as persoas teñan garantidos os seus dereitos reforzando os recursos para enfrontar os retos que esixe a loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e combater cunha ferramenta eficaz o discurso do odio.
Galicia é referente por contar cun marco legal propio que consolida o principio de igualdade entre o colectivo LGTBI. Tamén conta cun Observatorio neste ámbito e un Foro de Identidades e Disidencias Sexuais promovido en colaboración co Consello Galego da Cultura que pon o foco na educación en igualdade.
A nova Lei da igualdade (en tramitación parlamentaria) acabará de blindar o compromiso de Galicia coa tolerancia cero ante calquera discriminación por razón de sexo, xénero ou identidade sexual.