Volve Responsabilízate, o programa de sustentabilidade para PEMES galegas 100 % gratuíto

Volve Responsabilízate, o programa de sustentabilidade para PEMES galegas 100 % gratuíto

Imprimir Email
(0 votos)

Tras o rotundo éxito da edición anterior, comeza de novo o programa Responsabilízate da Xunta de Galicia. Trátase dun programa de asesoramento totalmente gratuíto impulsado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, destinado a apoiar ás pemes e microempresas do tecido empresarial galego na súa transformación cara a modelos de negocio ambiental, social e economicamente sostibles. As entidades beneficiarias reciben acompañamento integral, formación e servizos de consultoría gratuítos por parte dun grupo de expertos para desenvolver iniciativas ambientais, sociais e de boa gobernanza (ASG) adaptadas ás súas necesidades, recursos e prioridades.

Este programa busca equipar ao tecido empresarial galego con ferramentas para responder á crecente demanda de sustentabilidade empresarial por parte de clientes e consumidores, así como ao inminente tren regulatorio europeo que está a aumentar a presión sobre as empresas para que aliñen os seus modelos de negocio cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

As empresas que desexen ser beneficiarias de Responsabilízate deberán cumprir os seguintes requisitos:

·         Ser PEME ou persoa traballadora autónoma.

·         Ter radicado domicilio social en Galicia ou contar con algún centro de traballo en Galicia.

·         Ter polo menos unha persoa traballadora por conta allea.

·         Non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior a 43 millóns de euros.

·         Non ser entidade sen ánimo de lucro.

As empresas que completan todas as fases do programa reciben o Selo Responsabilízate, recoñecemento oficial concedido pola Xunta para poñer en valor o impulso que as microempresas e pemes galegas están a darlle á implantación dos valores ASG. As empresas posuidoras deste selo distínguense como axentes creadores de valor compartido e sitúanse como as primeiras en avanzar cara a un novo concepto de peme e microempresa sustentable, responsable, comprometida cos valores ASG e adiantada ás tendencias normativas.

Como resultado da edición anterior, 200 organizacións completaron o programa e cumpriron os requisitos para recibir o Selo Responsabilízate. A ampla participación no programa e o crecente interese das pemes e microempresas por integrar criterios ASG nos seus modelos de negocio impulsou o nacemento dunha comunidade de organizacións galegas social e ambientalmente responsables, creadoras de redes de colaboración e axuda mutua a través do intercambio de recursos e coñecemento.

Queres que a túa empresa forme parte de Responsabilízate? Solicita praza para a túa empresa antes de que se esgoten.

Inscrición a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=es_ES&codtram=TR320B