A Xunta seguirá a apoiar a inclusión de talentos diversos nas empresas a través do plan ‘Emprega discapacidade e exclusión social’ dotado con 44 M€

A Xunta seguirá a apoiar a inclusión de talentos diversos nas empresas a través do plan ‘Emprega discapacidade e exclusión social’ dotado con 44 M€

Imprimir Email
(0 votos)

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou no acto de presentación do programa Talentos en Galicia que promove Inserta Emprego, entidade laboral dependente da Fundación Once, onde puxo en valor o compromiso que a Xunta de Galicia mantén co emprego inclusivo a través do Plan autonómico Emprega Discapacidade e Exclusión Social co que está a impulsar a formación e a incentivar a contratación.

A Consellería de Promoción do Emprego, tal e como destacou Toca, está a referendar o seu compromiso coas persoas con maiores dificultades no acceso ao mercado de traballo, “por iso está a destinar este ano máis de 44,4 millóns de euros a través do Plan Emprega Discapacidade e Exclusión Social dirixido ao colectivo”. Tal e como remarcou a secretaria xeral, a segunda edición deste plan está conformada por 8 programas cos que se pretende fomentar a contratación e a formación dunhas 6.000 persoas.

“Un dos obxectivos das nosas políticas activas de emprego consiste en apoiar a contratación, o emprendemento, a intermediación laboral e a formación das persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo”, especificou Toca, que se amosou partidaria dunha cultura laboral inclusiva que, como dixo, resulta enriquecedora e permite mellorar o compromiso social do tecido produtivo.

Toca puxo en valor o papel que entidades como a Fundación Once desenvolven en prol da empregabilidade de persoas con discapacidade. Nesta liña puxo por exemplo o programa presentado en Santiago de Compostela, Talentos en Galicia -que arranca o próximo 1 de xullo-, no marco do cal se celebrarán sete encontros con empresarios de pemes en diferentes áreas industriais e polígonos empresariais das catro provincias galegas.

É fundamental, segundo relatou a secretaria xeral, implicar o mundo da empresa na inserción de colectivos con discapacidade e trasladarlle información detallada e rigorosa sobre os requisitos e beneficios de contar con talentos diversos.