Vivir do Traballo e Piragüilla, empresas exemplares do Programa Responsabilízate

Vivir do Traballo e Piragüilla, empresas exemplares do Programa Responsabilízate

Imprimir Email
(0 votos)

Co prazo de inscrición achegándose á data de peche, o programa Responsabilízate sigue ofrecendo a pemes e microempresas galegas un punto de encontro para intercambiar coñecementos e boas prácticas en sustentabilidade empresarial. A Comunidade en Liña Responsabilízate, aloxada na plataforma Microsoft Teams, é un espazo dinámico e colaborativo onde as empresas beneficiarias do programa poden dar a coñecer as súas iniciativas e estratexias de aliñación con valores Ambientais, Sociais e de Bo Goberno (ASG).

Moitas das empresas participantes en Responsabilízate non só realizan actividades de RSE de gran capacidade de impacto, senón que tamén desenvolven un obxecto social beneficioso para a súa contorna. Tal é o caso da empresa pontevedresa Vivir do Traballo, pertencente á Asociación Filantrópica Inclusión Social Activa Boa Vida. Defínese como “unha ferramenta indispensable que toca de maneira transversal todas as seccións de Boa Vida, pois sabemos que o traballo é un dos puntos fundamentais para a mellora da calidade de vida das persoas”. 

Desde 2012, o equipo de Boa Vida traballa para diminuír desigualdades, fortalecer capacidades e mellorar o acceso a oportunidades a través da formación e o traballo en equipo, promovendo a igualdade, a saúde e a inclusión social. Forma parte da empresa Vivir do Traballo unha tenda solidaria que contribúe a un consumo responsable prolongando a vida dos obxectos de uso cotián. “Axúdannos a reducir os residuos como téxtiles ou calzado para minimizar o impacto ecolóxico na nosa sociedade, ademais de crear novas oportunidades para as persoas que atravesan situacións socioeconómicas complicadas”, explican.

Pola súa banda, Piragüilla é unha empresa de turismo activo e de aventura que proporciona experiencias realizando actividades ao aire libre e na natureza. Piragüilla ten moi claros os seus principios: “Temos un compromiso moi firme co medio ambiente. E isto tradúcese no principio de alcanzar un turismo activo e sustentable. Un turismo sen impacto no medio e que promocione a nosa riqueza paisaxística natural e cultural”. 

Esta pequena empresa situada na Illa de Arousa ten moi claro o seu propósito de contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas: “queremos evolucionar como empresa traballando polo cumprimento das ODS. Así, e dentro do que unha pequena empresa como nós pode facer, buscamos favorecer o benestar da sociedade e da nosa contorna con diversas accións. Pequenos xestos que todos podemos levar a cabo e que teñen grandes resultados.”

Da man da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Responsabilízate é un programa de asesoramento gratuíto para apoiar ás pemes e microempresas na súa transformación cara a modelos de negocio ambiental, social e economicamente sostibles. As entidades beneficiarias reciben acompañamento integral, formación e servizos gratuítos por parte dun grupo de expertos para desenvolver iniciativas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) adaptadas ás súas necesidades, recursos e prioridades.

Queres que a túa empresa forme parte de Responsabilízate? Solicita a túa praza antes do 28 de abril. Inscrición a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=é_É&codtram=TR320B