NB21 Correduría de Seguros e Megatech Industries Ourense explican as súas boas prácticas en RSE na comunidade en liña de Responsabilízate

NB21 Correduría de Seguros e Megatech Industries Ourense explican as súas boas prácticas en RSE na comunidade en liña de Responsabilízate

Imprimir Email
(0 votos)

As empresas beneficiarias do programa Responsabilízate continúan sacando partido á Comunidade en Liña, dando a coñecer as súas boas prácticas en Sustentabilidade Empresarial e o seu propósito de continuar aliñándose con valores ASG. Habilitada como punto de encontro para as empresas beneficiarias do programa e hospedada en Microsoft Teams, esta Comunidade en Liña ofrécese como plataforma colaborativa para fomentar o intercambio de ideas, noticias, consultas e recursos relacionados coa implantación da Responsabilidade Social Empresarial.

Moitas das empresas participantes xa teñen experiencia en desenvolvemento de iniciativas sustentables, como é o caso de NB21 Correduría de Seguros. A través da Comunidade en Liña, o seu responsable de comunicación fíxose eco de como a súa organización busca continuar implantando iniciativas de RSE. “Somos unha organización dedicada á consultoría de riscos, concentrando a nosa actividade en achegar solucións aseguradoras”, explica. “A través de Responsabilízate, pretendemos afianzar o compromiso de NB21 coa sociedade e co medio ambiente mediante a posta en marcha de iniciativas destinadas a contribuír ao benestar da nosa comunidade, reducir o noso impacto co medio ambiente e mellorar a calidade de vida de todas as persoas.”

NB21 lanzou o primeiro Seguro de Fogar Ecolóxico, que ofrece, entre outras cousas, a posibilidade de integrar dispositivos intelixentes para o control do fogar, contido ecoformativo e retos e recompensas para incorporar rutinas sustentables no día a día.

Aínda que moitas empresas beneficiarias de Responsabilízate non teñen experiencia previa en implantación de sustentabilidade empresarial, tamén atopamos algunhas veteranas, que se aliñan cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. Así, a empresa Megatech Industries Ourense S.L., con sede en España e provedora internacional de automoción, fai unha relación detallada de como perciben a sustentabilidade corporativa: “A sustentabilidade demóstrase aos traballadores a través do respecto mutuo e o espírito de equipo, promove a integridade e unha ética empresarial considerada cando a empresa actúa como unha familia.” Ademais, Megatech como empresa “contribúe á sociedade mediante a creación de traballos seguros e de calidade, está comprometida coa xestión responsable en conxunto cos nosos socios comerciais na cadea de valor, baséase en produtos e solucións que teñen visión de futuro e son sustentables, e establece unha reflexión constante sobre o desempeño da nosa sustentabilidade futura.”

Queres que a túa empresa forme parte de Responsabilízate? Solicita a túa praza antes do 28 de abril. A inscrición formalízase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=es_ES&codtram=TR320B

Impulsado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Responsabilízate é un programa de asesoramento gratuíto para apoiar ás pemes e microempresas na súa necesaria transformación cara a modelos de negocio ambiental, social e economicamente sustentables. As entidades beneficiarias reciben acompañamento integral, formación e servizos gratuítos por parte dun grupo de expertos para desenvolver iniciativas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) adaptadas ás súas necesidades, recursos e prioridades.