Publicado o informe de resultados 2021 sobre a RSE nas empresas galegas

Publicado o informe de resultados 2021 sobre a RSE nas empresas galegas

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, publicou o décimo cuarto Informe do Observatorio Permanente sobre a aplicación da responsabilidade social empresarial nas organizacións con actividade en Galicia e que corresponde ao ano 2021. O estudo, desenvolto por un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, foi realizado sobre unha mostra de 538 empresas, das que 136 son grandes e medianas, e 402 son pequenas e micro empresas.

Ademais de expoñer o estado actual do desenvolvemento da RSE na nosa comunidade, a investigación ten dous obxectivos complementarios: coñecer a relación entre o compromiso das empresas coa RSE e o desempeño económico que pode derivarse das prácticas responsables ou outros efectos na vida das empresas, así como coñecer cal é o estado actual do compromiso destas entidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

O novo informe -dispoñible nesta nesta ligazón- inclúe unha parte xeral que analiza elementos comúns do estado da RSE en todas as empresas da mostra e unha parte específica que analiza o nivel de desenvolvemento da RSE nas organizacións galegas e os seus efectos no desempeño económico-financeiro. Así mesmo, aborda a RSE e a Información Non Financeira das principais cotizadas, o que permite comprender o contido da información que os grupos de interese demandan das empresas e serve como guía para aquelas que terán a obriga de presentala conforme á nova Directiva sobre Informes de Sustentabilidade Corporativa.